Mércores, 13 Dec. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Nigrán A Xunta licita o polémico proxecto de ampliación da estación de auga potábel de Nigrán

A Xunta licita o polémico proxecto de ampliación da estación de auga potábel de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Visita-do-conselleiro-Agust

Logo da aprobación do acordo de colaboración técnico-financieiro co Concello de Nigrán, o pasado mes de abril, a Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de ampliación da estación Condomínguez para o tratamento da auga potábel  (ETAP). Esta actuación contará cun orzamento de 1,1 millóns de euros que financiará na súa totalidade a administración autonómica. Préstamo que deberán amortizar con xuros as arcas de Nigrán nun prazo de vinte anos.

Diferenzas entre oficialismo e oposición sobre a necesidade da obra e o seu pagamento.

Para o gobernante PP tanto no  Concello de Nigrán como na  Xunta de Galicia, a obra é necesaria aos efectos de mellorar a eficiencia da planta de Condomínguez, nomeadamente no abastecemento do consumo da poboación local e de xeito subsidiario a de Baiona en épocas de seca. Nembargante, dende filas da oposición local, sinálase que esta nova actuación debe desenvolverse  por mor da entrada en  funcionamento de Porto do Molle. Obra, que de ser así, reclaman debería ser de cargo de Zona Franca (propietaria do polígono) e non dos veciños de Nigrán, quen finalmente amortizarán o préstamo, segundo o convenio asinado entre o Concello e Augas de Galicia.

O informe do Interventor de Nigrán tamén sinala a Zona Franca

A maiores, o informe elaborado polo Interventor de Nigrán o pasado ano co respecto ás obras en Condomínguez, tamén sinala que debe ser Zona Franca a que asuma o custe de ampliación da infraestrutura e que en ningún caso o Concello de Nigrán poderá asumir nin total nin parcialmente os custes da mesma.

Neste senso, o técnico municipal salientaba que o artigo 16c do TRLS establece tamén que os “promotores deberán costear no seu caso e executar as obras de urbanización previstas na actuación correspondente, así como nas infraestruturas de conexión coas redes xerais de servizos e as de ampliación e reforzo das existentes.... Establece que entre as obras e infraestruturas á que se refire este apartado se entende como as de potabilización, subministro e depuración da auga”.

Posta en marcha da licitación.

As empresas interesadas na obra poderán concorrer a Condomínguez o vindeiro venres 20 de setembro ás 11 horas, onde un técnico nomeado pola Xunta coordinará unha visita pola estación.  O vindeiro 4 de outubro será a data  límite para presentar as ofertas. Finalmente, a empresa adxudicataria terá un prazo de 5 meses para executar a ampliación.

O 80% da obra a financia Europa.

Segundo o texto da licitación, o importe total da obra será de 1.143.802,57 euros. Intervención que será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, e o resto pola Xunta de Galicia.