Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A Xunta aproba o préstamo ao Concello de Nigrán para pagar a ampliación da ETAP.

A Xunta aproba o préstamo ao Concello de Nigrán para pagar a ampliación da ETAP.

Correo-e Imprimir PDF
ETAP nigran condominguez

O Consello da Xunta aprobou finalmente este xoves un "acordo de colaboración técnico-financieira" co concello de Nigrán que permitirá levar a cabo as obras de mellora na estación de Condomínguez para o tratamento de auga potable (ETAP). Esta actuación contará cun orzamento de 1,1 millóns de euros. O préstamo da Xunta para ampliar a ETAP de Nigrán deberá ser amortizada, con xuros en 20 anos, polo municipio que trasladará finalmente aos recibos dos veciños de Nigrán incrementando o prezo do subministro.

A ETAP está construída para tratar un caudal de 200 litros por segundo. O Consello da Xunta sinala que nestes momentos a ETAP "presenta unha serie de limitacións que impiden que opere no seu óptimo punto de funcionamento".

Nomeadamente, sinala que en determinadas épocas do ano, o abastecemento que chega ao municipio dende o encoro de Zamáns, debido ás elevadas concentracións de sólidos en suspensión, produce unha sobrecarga do sistema de depuración que por necesidades técnicas redunda nun descenso da capacidade de produción de auga potabilizada. "Neses momentos a ETAP non é capaz de asimilar o caudal para o cal foi dimensionada, e supón ademais un elevado aumento dos gastos de explotación", agregan.

Para mellorar este sistema incorporarase unha liña de tratamento de lodos que permita a redución do seu volume mediante deshidratación.

O comunicado oficial non fai referencia ao aumento de consumo que produce a entrada en funcionamento de Porto do Molle. Só refire como causa externa á demanda de Nigrán, a producida pola necesidade de abastecer a Baiona "en momentos de forte seca", para complementar o recurso do encoro de Baíña.

Deste xeito, a Xunta fai caso omiso ao informe elaborado polo interventor de Nigrán que asegura que debe ser Zona Franca a que asuma o custe de ampliación da infraestrutura e que en ningún caso o concello de Nigrán poderá asumir nin total nin parcialmente os custes da obra.