Nigrán busca o apoio de Zona Franca para pagar o 10% da ampliación da ETAP de Condomínguez.

Imprimir
valverde-pedrosa

Zona Franca estuda a posibilidade de colaborar na inversión de máis de 120 mil euros que o Concello de Nigrán deberá desembolsar como parte da cota das obras de ampliación da ETAP de Condomínguez necesarias pola demanda da actividade de Porto do Molle. A intervención, valorada en 1,2 millóns de euros, será desenvolvida por Augas de Galicia, que adiantará o 90% do custe, pero que logo amortizarán os veciños do municipio a través dun aumento progresivo das tarifas da auga, ata amortizar o total da obra, nun prazo próximo aos 20 anos. 

O anuncio foi feito polo propio alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, logo da reunión mantida esta tarde coa presidenta de Zona Franca Vigo, Teresa Pedrosa. Unha xestión á que Valverde comprometeuse no derradeiro pleno de febreiro cando se aprobou - só cos votos populares - o anteproxecto de ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Condomínguez para poder atender á demanda do parque empresarial de Porto do Molle.

Un alxibe para Porto de Molle.

Na xuntanza con Pedrosa, Valverde tamén abordou a cuestión da implantación dun alxibe no parque empresarial, requisito da Consellería de Economía e Industria -segundo informou- para a posta en funcionamento de Porto do Molle, en tanto medida preventiva de seguridade. Alberto Valverde expuxo a posibilidade de deseñar este depósito de auga de forma tal que poida tamén destinarse a fins deportivos, por exemplo, dixo o rexedor "para a práctica de piragüismo, o que mellorará a oferta de servizos para os veciños e veciñas do municipio."

Así mesmo, o alcalde comprometeuse a axilizar as tramitacións urbanísticas en marcha e a posta en funcionamento do alumado público do parque na área que xa ten ocupación por naves e empresas.