Mércores, 1 Feb. 2023

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Nigrán Presentan lista os Nacionalistas Independentes de Nigrán (ex BNG), liderados por David Giráldez .

Presentan lista os Nacionalistas Independentes de Nigrán (ex BNG), liderados por David Giráldez .

Correo-e Imprimir PDF
Concelleiros non adscritos: Xosé Lois Gutiérrez, David Giráldez e mias Anxo Valverde nun pleno de Nigrán. (Arquivo)

O nacionalismo terá dúas candidaturas en Nigrán de cara ás eleccións municipais de maio.  Á xa anunciada polo BNG agrégase dende onte a do grupo de independentes escindidos do Bloque,  liderados polo actual concelleiro non adscrito David Giráldez.  A decisión chega logo de fracasar as negociacións para formar unha coalición con Esquerda Unida (EU) e tamén de rexeitar un ofrecemento da corrente nacionalista de centro Converxencia Galega.  Giráldez expresou que a súa formación  congrega a xente que pediu a baixa do BNG, entre eles moitos con “máis de 30 anos de militancia” a consecuencia da chegada dunha directiva “advenediza” onde os máis antigos teñen 7 anos como afiliados e os outros “o fixeron hai un ano”. O concelleiro Giráldez escusouse de adiantar o nome do cabeza de lista pero informou que a asemblea reunida na noite de onte, xoves 7, xa decidiu a adopción dunha sigla para a agrupación, así como os sete primeiros nomes da lista. A publicidade tanto do nome do partido como dos candidatos será dada a coñecer publicamente nas próximas horas.

O concelleiro David Giráldez asegurou que terá os 20 candidatos da lista para presentar o vindeiro 13 de abril ante a Xunta Electoral Local. Sen adiantar identidades, manifestou que dentro dos xa incluídos na mesma atópanse cidadáns que participan no nacionalismo de esquerdas dende o ano 1979. Consultado sobre a orientación política da formación, Giráldez reivindicou o seu carácter plural e nacionalista, pero sempre dentro dun perfil de esquerdas.  Por mor desta identidade, Giráldez baseou a súa decisión de rexeitar un ofrecemento “moi sincero” de Converxencia Galega. Segundo o nacionalista, Converxencia ofreceu as súas estruturas e nome para facilitar a presentación dos nacionalistas independentes de Nigrán.

En canto as negociacións con EU, David Giráldez informou que fracasaron ante a negativa da formación liderada por Jacobo Galego de vencellar a alianza a unha formación plural de esquerda en forma de coalición. Segundo Giráldez, EU só aceptaba participar nas eleccións baixo o seu lema electoral. O líder nacionalista independente valorou que as negociación foron cordiais e que se ben non comparte, respecta a decisión de EU de presentarse en solitario ás eleccións municipais. Postulación que no caso de EU terá lugar mañá sábado ás 19 horas na Asociación de Veciños de San Pedro da Ramallosa.

A decisión de David Giráldez de presentarse ás eleccións de maio conta co apoio dos concelleiros non adscritos e tamén ex BNG Xosé Lois Gutiérrez e Anxo Valverde. Os tres formaran o grupo municipal do BNG electo en 2007 e integraran o goberno bipartito de maioría socialista en Nigrán. En maio de 2010 os concelleiros solicitaron a baixa do BNG ante o que manifestaron daquela unha campaña de acoso por parte da nova directiva nacionalista no concello. Giráldez, Gutiérrez e mais Valverde non renunciaron as súas actas de edís e figuran dende entón como concelleiros non adscritos na corporación. A súa decisión provocou a ruptura do bipartito por decisión do alcalde Efrén Juanes por entender que a alianza de goberno era co BNG e non cos representantes en forma individual.