Polémica pola moción que deu trámite inicial ao proxecto de vivendas no barrio das Angustias.

Imprimir
concello-en-obras

Encóntrase en trámite de aprobación inicial o proxecto para construír máis de cen vivendas no barrio das Angustias en Nigrán, das cales cincuenta serán de protección oficial e promoción pública. A iniciativa comezou o longo camiño burocrático coa aprobación por parte do pleno do pasado mércores 27 de outubro, cos votos afirmativos do equipo de goberno (PSOE) e Unión Centrista de Nigrán.

O tema foi proposto como primeiro punto a tratar no pleno ordinario cunha moción pola modificación singular Nº 23 das Normas Subsidiarias de Planeamento no chan apto para urbanizar (S.A.U. 12). Se ben tódolos grupos políticos manifestaron o apoio á construción das vivendas, o Partido Popular e o grupo dos non adscritos (ex representantes do BNG), formularon discrepancias con respecto á tramitación por esta vía e non dentro do proxecto xeral de traballo que os partidos veñen realizando para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán.

Na súa páxina web, os populares explican os motivos polos cales non apoiaron a moción presentada dende a alcaldía. “De esta forma, para el PP de Nigrán se confirma el trato de favor sobre el desarrollo urbanístico de esta zona frente a otras en las que también se habían solicitado modificaciones puntuales para desarrollar algún otro ámbito y que desde el gobierno local se rechazó.”

O grupo popular tamén sinalou a súa sorpresa pola actitude de UCN, que “a última hora cambió su voto en relación a lo que había votado en la Comisión Informativa”.

Pola súa banda, UCN fundamentou seu voto afirmativo na importancia social da obra e a necesidade de reactivar o sector da construción.

O expediente conta cun informe favorable e vinculante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia segundo os defensores da moción. Pero o PP sinalou que tamén existe un informe xurídico con data 14 de outubro realizado polo Técnico de Administración Xeral do Concello de Nigrán onde di que dada a orden do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de 23 de xullo de 2010 de aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral (POL) pola que se acordou a suspensión de todas as actuacións nos ámbitos de solo cuxo grao de compatibilidade co POL sexa entre outros o grao 2 ( o mesmo no que se atopa o SAU-12), recomenda “agardar ata o momento da aprobación definitiva do POL, ou, no seu caso, dun eventual alzamento da suspensión do desenvolvemento do SAU-12 ao abeiro do previsto na Orde da Consellería".