Enquisa sobre a calidade de vida dos e das nigranesas

Imprimir

O Concello de Nigrán continúa a traballar na Axenda 21 Local. A seguinte tarefa será a realización dunha enquisa sobre a calidade de vida no concello e os hábitos sostibles presentes entre a poboación.  O concello de Nigrán pretende, a través da Axenda 21 Local , acadar un modelo de desenvolvemento sostible que contribúa a mellorar a calidade de vida.

Con este fin elaborarase un plan de acción, coa participación de todos os axentes sociais do concello, que integre políticas económicas, sociais e ambientais.

Nestes momentos o proceso está na súa fase inicial, centrándose o traballo na recopilación de información para saber cales son as necesidades, carencias e prioridades que, segundo a poboación, son necesarias para mellorar o concello. A tal efecto, o día 14 de abril comezará a realización dunha enquisa, que será efectuada telefonicamente e que se poderá completar en apenas 5 minutos.

Nela preguntarase sobre os distintos aspectos da vida no concello, tales como as dotacións dispoñibles, o urbanismo, a mobilidade e o transporte, os hábitos de compra, ou a presenza de hábitos sostibles como a reciclaxe, entre outras cuestións. Obterase así unha visión de cal é o estado da situación e cal á necesidade de mellora. 

Os resultados da enquisa faranse públicos unha vez sexa coñecidos dentro do marco dunha política de ampliación da participación cidadá e de fomento da involucración da cidadanía nos asuntos políticos. 

O Concello e os responsables do proxecto piden a colaboración dos habitantes do municipio xa que a participación cidadá é a base e o elemento vertebrador da Axenda 21 Local e sen esta colaboración sería imposible levar a cabo este proxecto que ten como obxectivo a mellora e a sostibilidade do municipio.