Mércores, 8 Apr. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Nigrán A vida xunto ao mar. Onte e hoxe.

A vida xunto ao mar. Onte e hoxe.

Correo-e Imprimir PDF
Traballando na praia de Canido. Foto IEM
A concellería de cultura de Nigrán inaugurou ata o próximo 21 de outubro a exposición «A vida xunto ao mar. Onte e hoxe», que versa sobre a comunidade pesqueira da zona.

Esta exposición está incluída dentro da programación de accións para a sensibilización sobre o patrimonio cultural de Nigrán e a súa comarca.

A exposición aberta ao público dende o día 22 de setembro ata o domingo 21 de outubro. Poderá ser visitada dende as dez da mañá ate ás dúas do mediodía e das cinco do serán ata ás nove da noite, de mércores a domingo.Este evento enmárcase no conxunto de accións cofinanciadas polo Proxecto Proder II da Asociación de Desenvolvemento Local da Mancomunidade de Vigo, que ten como prioridade a recuperación do Patrimonio Cultural.Tratase dunha exposición de carácter etnográfico referida ao mundo dos mariñeiros. Móstranos os distintos aspectos da actividade pesqueira e marisqueira, das formas de vida tradicionais relacionadas co medio costeiro, e de como foron evolucionando co paso do tempo, fundamentalmente nos últimos 50 anos, pois esta mostra pretende facer fincapé na enorme transformación que sufriu o Val, que mudou a súa paisaxe e a súa morfoloxía substancialmente, pasando de ser unha vila mariñeira a unha vila turística.

A exposición é unha ollada cara atrás, cara ás orixes da vila, co fin de recuperar esa memoria que irremisiblemente vai desaparecendo, para non perder de vista o lugar de onde vimos, pois resulta fundamental para configurar un proxecto de futuro que sexa respectuoso co pasado.É unha exposición que lle da a palabra aos propios protagonistas da historia, e parte dela para configurar un discurso que tenta transmitir e mostrar algúns dos valores daquela aos mozos e mozas de agora e que non deixa de ser un recoñecemento aos nosos maiores, especialmente, aos homes e ás mulleres do mar.

A exposición inclúe algúns obxectos e aparellos usados nalgunha destas actividades, e un vídeo documental con entrevistas con antigos mariñeiros da zona, que nos contan distintos aspectos da pesca, tal e como eles a viviron. Así mesmo a concellería de cultura programou unha charla sobre o Patrimonio Cultural de Nigrán, que terá lugar o venres 28 ás 20:00h no Centro Antena, impartida por L. M. M. Vila «Xestión Integral do Patrimonio Cultual», na que se realizará un percorrido polos distintos tipos de patrimonio presentes en Nigrán e se abordará o papel que podemos xogar cada un de nós para a súa defensa.