Sábado, 14 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Inversa Teatro chega á Mostra de Teatro de Outono coa obra contemporánea “Kamouraska”

Inversa Teatro chega á Mostra de Teatro de Outono coa obra contemporánea “Kamouraska”

Correo-e Imprimir PDF
inversa

A programación da Mostra de Teatro de Outono do concello de Gondomar continúa esta fin de semana coa representación de Kamouraska, a cargo da compañía pontevedresa Inversa Teatro. A obra será o sábado, ás 22.00, no Auditorio Municipal Lois Tobío.

 

A autora e tamén directora da obra, Vanesa Sotelo, vén de gañar o premio “XIII Premi de Teatre Josep Robrenyo” en Cataluña pola obra escrita en galego Memoria do incendio, despois de recibir en marzo deste mesmo ano o IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico por Indoor.

 

Kamouraska é un lugar mental no que as súas tres habitantes (entre humanas e caninas) teñen a posibilidade de reinventar un universo con regras propias no que o xogo é rirse da infelicidade para ser feliz. O desequilibrio entre a necesidade e a imposibilidade de amar, de pertencer a un lugar e de soñar, dá pé a un espectáculo de corte contemporáneo e carácter asociativo que procura o riso como vía de escape ante o violento acto de existir. Pensada como unha comedia cruel dentro dunha traxedia subterránea, Kamouraska ofrece once embates percorridos de excentricidade, elementos grotescos e desenfadados que desembocan nun cambio de pel das actrices en escena.

 

Inversa Teatro é unha compañía profesional fundada en 2009 por Marta Pérez e que xa conta con tres producións nun exemplo de incesante actividade. En marzo deste ano estrearon Kamouraska, a súa última proposta. A obra é un claro exemplo da aposta decidida que a compañía ten polos novos creadores e pola procura dunha linguaxe escénica propia na que convivan os diferentes campos artísticos (desde as artes escénicas ao audiovisual pasando pola música e as artes gráficas.