Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A riada inunda garaxes, fincas e comercios en Gondomar.

A riada inunda garaxes, fincas e comercios en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
riadaGondomar2016

Unha intempestiva riada volveu a afectar a veciños e comerciantes de Gondomar. Baixos, garaxes na zona da praza Rosalía de Castro e a Praza de Abastos quedaron inundados nunha crecida na confluencia dos ríos Zamáns e Miñor. Sobre as 10 da mañá podíase ver aos afectados carrexar vehículos coa axuda da policía local dende os garaxes indundados. Pola súa banda, os comercios da zona e sobre todo na Praza de Abastos apuraban o retiro de mercadoiras sen dar crédito da rapidez da crecida.

No mesmo intre, as augas do río Miñor anegaron vivendas e comercios no barrio de Moreira, na parroquia de Mañufe e case arrastran a varios coches estacionados próximo á Ponte de Mañufe.

A mesma hora unha brigada provincial acudía ao concello por mor do afundimento da estrada entre Gondomar-Chaín-Morgadanes (EP-2302), onde se fixo un traballo provisional de tapado e a correspondente sinalización.

A mesma brigada desprazouse despois ao concello de Nigrán debido a que o vento tirou un carballo de grandes dimensións deixando cortada ao tránsito a EP-2102 entre Nigrán-Vincios.

As aguas tamén afectaron os baixos do Centro de Desenvolvemento Local, inundando o almacén de alimentos que administra nese lugar o Concello de Gondomar. Neses senso, a administración fixo un chamado á veciñanza a concorrer voluntariamente ao CDL para colaborar no traslado dos alimentos á 4ª planta, onde estarían máis seguros.

Varios veciños insisten na rápidez da crecida. Aseguran que a zona da Praza de Abastos inundouse en poucos minutos, sen dar apenas tempo para reaccionar e quitar os coches da zona. As previsións de máis precipitacións para o sábado eleva o nivel de preocupación na zona.