Preocupación en Gondomar por un novo parón nas obras de construción do Centro de Saúde.

Imprimir

Unha consulta da deputada autonómica Consuelo Martínez García esixe á Xunta de Galicia explicación ante un novo parón da construción do centro de Saúde de Gondomar. A representante foi alertada dende Manifesto Miñor, e solicitará garantías sobre a solvencia da empresa encargada así como informes sobre a situación do enclave da obra, na zona de enchentes do río Miñor.

No plantexamento, a deputada lembra que o expediente para a construción do centro saúde de Gondomar está aprobado dende o ano 2009 e a súa construción "foi vendida como propaganda electoral polo PP moitas veces".

Engade que no proxecto básico de execución, de novembro de 2013, consta como empresa adxudicataria COFELY GDF-SUEZ. A licenza municipal para a construción do centro de saúde foi outorgada no 2014, por unha licitación de 1.873.620 euros e un prazo de execución de 15 meses.

O anuncio de construción do SERGAS informa da adxudicación da mesma a CORSAN CORVIAM S.A. cun orzamento de 2.373.546 euros.

Pero o proxecto dilatouse no tempo e as obras do novo centro de saúde iniciáronse pouco antes das eleccións de maio, "mais unha vez construída a estrutura a obra parou".

Alerta que "segundo parece, o problema reside na reclamación de DOBALPO, a empresa que construíu a estrutura, a CORVIAM S.A. A poboación está intranquila polo futuro da construción dun centro de saúde que levan esperando dende hai xa 6 anos".