Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Manifesto Miñor define este luns a estratexia do colectivo cara á conformación de goberno en #Gondomar.

Manifesto Miñor define este luns a estratexia do colectivo cara á conformación de goberno en #Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
mm asemblea gondo

Quen será o futuro alcalde de Gondomar e con que forzas gobernará inda segue a ser obxecto de especulacións. O socialista Paco Ferreira achegou unha proposta escrita a CABE e MM cara iniciar conversacións que posibiliten a súa investidura nun goberno tripartito. Mais unhas declaracións do socialista nas que adiantaban ofrecementos de retribucións e reparto de cargos molestaron ao nacionalista Antonio Araújo (MM) por entendelas fóra de lugar neste intre das conversas. Neste contexto a asemblea do MM está convocada para a tardiña deste luns para escoitar o informe da comisión encargada de falar coas outras forzas políticas e así logo decidir a estratexia de alianzas que desenvolverá o MM.

"Hoxe temos a VI Asemblea do ‪#‎ManifestoMiñor‬. Nela o GT de Contacto dará conta das conversas cos partidos e as propostas que hai de cara a formar goberno. A Asemblea será decisoria, valoraranse as propostas e decidiremos ‪#‎EnComún‬ se entrar ou non no Goberno e en que condicións". Con este texto están a ser convocados os membros desta asemblea que coa súa decisión deliñará boa parte do futuro goberno de Gondomar. Será ás 20:30 horas no Centro Neural da vila.

A convocatoria ten lugar tras unha fin de semana onde Antonio Araújo, candidato a alcalde por este colectivo, enviou aos medio un escrito pedindo "paciencia e boa letra" ao edil socialista Paco Ferreira, candidato máis votado no pasado 24M. No que definiu como unha "resposta de candidato a candidato", Araúxo manifestou o seu malestar por unha serie de declaracións de Ferreira nas que adiantaba reparto de dedicacións exclusivas e concellarías con CABE e o MM. "Se Paco Ferreira e o PSOE entenden por un goberno forte é aquel que se constrúe con dedicacións exclusivas, con nós que non conten", respondía Araújo. Sinalaba nese senso que no MM "apostamos polo diálogo responsable, e mesmo discreto, no canto de andar producindo titulares de prensa que pouco axudan a construír nada".

Engadía Araújo no escrito que as "urnas en Gondomar, igual que no resto de Galiza, falaron claro no sentido de apostar por gobernos plurais e cooperativos, e polo diálogo entre as forzas políticas". Por último lembráballe a Ferreira que no caso de Gondomar " existen diferentes posibilidades combinatorias para formar goberno. Que non perdan de vista que nese hipotético goberno de esquerdas e nacionalista son minoría ."