Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Xaime Lugilde denuncia unha manobra de “última hora” que deixaría baleiras as arcas da ELM de Morgadáns.

Xaime Lugilde denuncia unha manobra de “última hora” que deixaría baleiras as arcas da ELM de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
XaimeLuxilde

As arcas da Entidade Local Menor de Morgadáns quedarán baleiradas de confirmarse a denuncia do vogal nacionalista Xaime Lugilde. Asegura que o presidente da entidade, Urbano Esmerode (ex PP), pretende aprobar no pleno deste venres as contas de 2014 e un pago de facturas pendentes que deixará á parroquia cun saldo de apenas 1.494,05€ para facer fronte as súas obrigas. Lugilde, candidato do Manifesto Miñor á ELM de Morgadáns, advirte que este pleno a 8 días das eleccións presenta irregularidades formais, adxudicacións infundadas de bens públicos a privados entre outros puntos polémicos.

Erro formal nas contas xerais da entidade.

Sinala Lugilde que Esmerode "de entrada, presenta á aprobación o ditame inicial da Conta Xeral do ano 2014 convertendo o propio Pleno en Comisión Especial de Contas, é dicir, confundindo deliberadamente o Pleno cunha comisión informativa".

Fondos actuais da Entidade Local Menor de Morgadáns
Sinala que no referente ao balance final das contas o "único certo, segundo a certificación emitida polo Banco Pastor a 12/5/2015, é que na conta deste banco a esta data hai un saldo de 186,62€. Asemade, na conta de ABANCA a 31/12/2014 había un saldo de 23.275,96€. A esa mesma data había en caixa 2.056,53€. É dicir, supoñendo que esas cifras estean íntegras, a día de hoxe habería un saldo favorable 25.519,11€".

Onde está o truco?
Entón, "onde está o truco?", ironiza o vogal denunciante. Explica que no seguinte punto da orde do día o presidente da Entidade, Urbano Esmerode, pretende aprobar o pago de facturas pendentes (algunhas delas do ano 2012) por un montante total de 23.025,06€, que restado do saldo favorable, a nova corporación de Morgadáns tería para iniciar o mandato a "escandalosa" cantidade de 1.494,05€.

Onde están os cartos?
"A pregunta que se fan os veciños e veciñas de Morgadáns é a onde foi parar o resto do orzamento, pois na parroquia non se ve nada. Calquera concello de Galiza con menos habitantes que Morgadáns (1.365 habitantes) conta cos servizos e a xestión municipal que aquí carecemos" protesta Lugilde.

Aduxdicación dunha canteira en terreos públicos a unha empresa privada.

O vogal Lugilde tamén denuncia como ilegal a pretensión da presidencia da ELM de Morgadáns de aprobar a adxudicación para "restauración" dunha canteira a unha empresa especializada no tratamento de entullos (ALCONTE VIGO), que a súa vez subrogaría unha concesión dunha canteira facéndose cargo das débedas desta coa ELM (12.000€).
Sinala Lugilde que isto sería "totalmente ilegal, toda vez que estamos a falar dunha propiedade pública". Engade que a maiores esta adxudicación faise sen mediar proxecto técnico ningún, estudos, ou cos informes preceptivos dos organismos pertinentes.


"A desconfianza veciñal está máis que xustificada, toda vez que estamos a falar dunha empresa que xestiona, tamén, entullos contaminantes que poderían ser serían vertidos en Morgadáns sen ningún tipo de control. Estamos falando de 150.000m3 cunha taxa de 0,40€/m3. Merece a pena converter Morgadánas nun vertedoiro de lixo encuberto e incontrolado por estes cartos?", finaliza Lugilde.