Entidades solidarias alegraron a noite de Reis a decenas de fogares de Gondomar.

Imprimir
Elfos calcetines

Só a campaña "Elfos y Calcetines" achegou obsequios a 78 crianzas do concello, segundo deu a coñecer este xoves Patricia Durán Pérez, concelleira de Benestar Social. Esta entidade solidaria coordinada pola mosense Lala Doniz, leva tres anos desenvolvendo unha rede de "elfos" no sur de Galicia. Son persoas e entidades que apadriñan un "calcetín", que chegará a mans dos nenos e nenas que previamente achegaron unha carta coa solicitude.


Este ano, o departamento de Benestar Social colaborou coa recollida das cartas dos pequenos, organizándoas co seu correspondente código "para preservar a identidade dos menores e achegándoas á organización" para finalmente entregar os regalos ás familias, sinalan dende a administración local.
Durán fixo público o seu agradecemento á promotora da campaña "Elfos y Calcetines", así como ás iniciativas solidarias de recollida de alimentos e xoguetes organizadas por diversas asociacións e entidades neste Nadal. Nomeadamente sinalou o Club de Tenis Gondomar, o Club de Patinaxe Artístico "Gondomar", os grupos de teatro "A Xesta Vermella" de Borreiros e "Voltereta e Volvoreta", así como a Peña Motera "Os Rillasepas", o Centro Veciñal de Mañufe e Galiña Azul.