Gondomar terá que seguir agardando pola segunda escola infantil, a senda peonil sobre a estrada Couso-Vincios e a ampliación do comedor escolar de Peitieiros. A decisión do PP de aprobar en solitario os orzamentos 2015 da Xunta de Galicia, sen aceptar ningunha enmenda, deixou fóra de posibilidades estas tres iniciativas presentadas polo BNG ao parlamento.
Dende filas nacionalistas sinalan que a pesar que os contidos das enmendas son " de gran demanda social en Gondomar", e que o PP " tamén goberna no concello", os populares optaron por impor a súa maioría absoluta sen acceder " ao diálogo e á mellora do orzamento presentado".
Algúns escolares deben comer na oficina da ANPA por falta de espazo.
A petición de ampliación do comedor escolar do CEP Xosé Neira Vilas – Peitieiros, susténtase que a día de hoxe soamente pode acoller 52 alumnos e alumnas "e isto sempre que se puidese aproveitar ao máximo o espazo dispoñíbel, o que, porén incomoda enormemente o proceso de servir e recoller as comidas por parte das coidadoras e o propio acto da comida para as crianzas", explican dende o Bloque. Na actualidade, para paliar esta situación, estase mesmo utilizando unha pequena oficina colindante pertencente á Asociación de Nais e Pais do colexio, "onde se están acomodando varias nenas e nenos nunha situación bastante precaria"advirten. Engaden que na actualidade incrementouse a demanda de prazas de comedor, "demanda que non pode ser atendida nas condicións axeitadas por carecer do espazo axeitado."
A senda peonil na estrada Couso-Vincios.
A construcción da senda peonil na estrada da Xunta PO341 Vincios-Couso foi outra das enmendas denegadas. Senda que lévase tempo reclamando polos colectivos socias na marxe esquerda sentido Vincios-Couso. "Trátase dunha senda fundamental para a seguridade dos peóns, nunha estrada moi estreita e con escasa visibilidade, en que o risco de atropelo é moi alto. Trátase ademais dunha demanda veciñal das parroquias de Vincios, Chaín, Morgadáns, Petieiros e Couso"explican.
Carencias no ensino infantil
Finalmente, unha terceira enmenda do BNG reclamaba a construción dunha nova escola infantil para crianzas de 0 a 3 anos no concello. Afirman que existe unha gran demanda e "un alto número de nenos/as que non obteñen praza na existente, tendo que recorrer a centros privados". Nese senso lembran que durante o goberno bipartito da Xunta estaba proxectado construír unha segunda escola infantil no concello, "pois desde o inicio estivo claro que a dotación actual era insuficiente".
Denuncian dende o Bloque que todas estas emendas estaban destinadas "a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Gondomar, emendas que na súa maioría tamén redundan nas posibilidades de conciliar a vida laboral e familiar e, deste xeito, axudarían ao incremento da empregabilidade das mulleres".