Araújo: “os peores augurios fixéronse realidade: Taxazo pola recollida de lixo” en decembro para Gondomar.

Imprimir
arauxo

A Deputación de Pontevedra deu orde ao ORAL  de poñer ao cobro os recibos da taxa pola recollida de residuos de 2013 con carácter retroactivo. O concelleiro nacionalista non adscrito Antonio Araújo afirma que o seu grupo acaba de decatarse da orde pola cal en decembro deste ano cobrarán o correspondente da taxa ao 2013. Segundo a información revelada esta mañá polo edil, a maiores entre maio e xullo de 2015 cobrarán a do 2014 e en decembro de 2015 a dese ano.  “Como xa denunciamos cando a aprobación do convenio coa Deputación de Pontevedra, que lle dá poder absoluto para manexar a prestación dun servizo tan básico nos concellos adheridos, no caso de Gondomar e antes do que pensabamos, fixéronse realidade os peores augurios ao respecto”, lamenta Araújo.

Araújo: “Estamos convencidos que haberá máis subas e obviamente un empeoramento do servizo”.

“En resumo e supoñendo que non houbera subas, nun período dun ano escaso estaríamos pagando recibos polo mesmo concepto, é dicir, para  unha vivenda tipo o importe total sería 55€x3= 165€. ou para un pequeno comercio de 100m2 tipo tenda de roupa serían 260€x3= 780€  insistimos, supoñendo que non haxa subas que as haberá”, sinala o voceiro dos cinco concelleiros non adscritos na corporación de Gondomar.

Nacionalistas intentarán suprimir o cobro retroactivo da taxa do 2013.

Os nacionalistas, opositores á cesión feita polo bipartito PP-CDL da xestión municipal do lixo á Deputación,  adiantan que presentarán unha moción no próximo pleno do 2 de outubro na que instará ao goberno de Gondomar  a paralizar a tramitación do cobro con carácter retroactivo da taxa polo servizo de recollida do lixo correspondente ao ano 2013; “a suprimir o devandito cobro e a  comunicárllelo o acordado urxentemente  ao ORAL”.

Engaden que dada a gravidade do asunto e da negativa repercusión  nas economías da xente, “xa agredidas abondo, dende o Grupo Nacionalista Municipal facemos un chamado a toda a veciñanza de Gondomar a asistir ao pleno do día 2 de outubro”.

Lembran que o convenio coa Deputación aínda ten pendente a resolución dun Recurso de Reposición presentado polo Grupo Nacionalista en marzo contra o devandito acordo plenario. Polo que entenden que “Gondomar foi irregularmente incluído no grupo de concellos” nos que afecta a medida.