Os veciños de Gondomar preparan as catiuscas para unha nova temporada de inundacións

Imprimir
Parque das Cercas no entorno do CDL esta tarde | Foto - Gondomar.tv

Os veciños de Gondomar preparan os baixos das súas casas e edificios no que parece ser xa o comezo dunha nova temporada de inundacións na vila.

Hoxe pola mañá desbordaba o río Morgadáns á altura do barrio de A Torre e todo facía prever que o entorno do CDL e o parque da Coelleira pronto aparecerían asolagados. A situación era similar no barrio de Moreira, nas fincas situadas á beria do río Miñor, onde as aguas xa entraron nalgunha delas.

E as predicións non tardaron en cumprirse, incluso máis rápido do previsto. O entorno do antigo matadoiro e a parque da Coelleira estaban xa asolagados así como o entorno do edificio do CDL onde o concello construíra o novo muro de contención cun custe de 99.400€ que non evitou que as instalacións volvesen a asolagarse.

A acción do novo muro resultou máis prexudicial para o entorno da Coelleira, xa que o dique reduciu a superficie de absorción e a zona do antigo matadoiro quedou totalmente cuberta pola auga en apenas unhas horas.

Outra zona afectada é a do barrio de Moreira (Mañufe), onde fincas, campos de cultivo e casas comezaron a sufrir a enchente dende a mañá. As augas eleváronse case a nivel da ponte románica de Mañufe. Sobre a medianoite, veciños da zona afirman que tivo lugar un leve retroseso das augas, mais aseguran que terán unha noite longa de vixilia.


VIDEO Río Morgadáns