Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Medran as diverxencias sobre a solución final á seguridade peonil dos escolares de Peitieros.

Medran as diverxencias sobre a solución final á seguridade peonil dos escolares de Peitieros.

Correo-e Imprimir PDF
peroleira

A poucos días do inicio dos cursos o problema de seguridade na circulación peonil dos escolares do CEIP Neira Vilas segue sen unha solución final. Por unha banda os pais da ANPA reclaman dende outubro de 2013 a presenza da policía local para que controle o tráfico ás horas de entrada e saída dos cativos. Sen embargo, a concelleira de Educación, Paula Bouzós, afirma que a presenza permanente dos axentes non é posible polo número de efectivos dispoñibles, aínda que matiza, “sempre que poden concorren a Peitieiros”.

Engade a responsable de Educación que ademais a estrada da Peroleira conta cunha debida sinalización con aviso para os vehículos que advirte da presenza do colexio, así como unha dobre senda peonil ca atravesa. A todo isto o Valedor do Pobo, que está a actuar de oficio neste problema, achegou unha serie de recomendacións o pasado mes de maio. Segundo a ANPA o Concello de Gondomar aínda non lle respondeu. Pola contraria, Bouzós afirma que teñen constada todos os escritos do Valedor, aínda que non puido confirmar se este do mes de maio efectivamente o foi.

O Concello quere evitar que os autobuses escolares aparquen na estrada.

Quitar os autobuses da carreteira é fundamental”, salientou Paula Bouzós consultada por unha solución ao problema. Sendo un terreo baldío situado en fronte do colexio unha posible solución para que aparquen alí. Nese senso adiantou que se están a desenvolver reunións coa comunidade de montes e a asociación de veciños de Peitieiros, titulares do terreo, para que autoricen a súa utilización. Reunións que se están a facer con “boa disposición e sintonía”, segundo a concelleira, polo que amosou optimismo na súa concreción. Engadiu que co apoio do director do colexio e do conserxe que saen a controlar as saídas e entradas de cativos, pode solucionarse boa parte do problema. Salienta que a educación dos condutores de vehículos no senso de respectar a sinalización de advertencia, e outro aspecto importante a considerar.

Para a ANPA o Concello ignora ao Valedor do Pobo.

Mais para a ANPA do Neira Vilas, as cousas son diferentes. Denuncian que o Concello de Gondomar “persiste en ignorar” ao Valedor do Pobo e teme que arrinque o curso con risco de atropelo á saída do colexio para os escolares. Acusan ao Concello de non contestar un escrito enviado polo Valedor do Pobo o pasado 8 de maio.  O mesmo solicitaba unha intervención da administración local na solución do tema e a formación dunha comisión de seguridade en parcería coa Deputación de Pontevedra, titular da estrada.

A denuncia feita no mes de outubro de 2013 facía finca pé en que o Concello non enviaba a Policía Local para cortar o tráfico á saída do colexio. Feito que obrigaba ás familias a asumir esta función. A denuncia da ANPA provocou a actuación de oficio do Valedor do Pobo que lle requiriu ao Concello de Gondomar de maneira inmediata un informe detallado sobre as medidas de seguridade adoptadas para garantir o tránsito do alumnado pola estrada.

Denuncian que o Concello tardou seis meses en enviar o informe, e nel “escusouse do seu desleixo argumentando que a vía non é da súa titularidade e que o Concello non conta con suficientes efectivos”, afirman os pais nun escrito. Engaden que posteriormente, o Valedor dirixiuse de novo ao Concello para insistir en que non se trata da ordenación do tráfico, senón dunha cuestión de seguridade cidadá na que están implicados escolares menores de idade que deben ser obxecto dunha especial atención.

O Valedor recomenda a formación dunha Xunta Local de Seguridade

Tamén lle recomendaba ao Concello a constitución dunha Xunta Local de Seguridade para traballar coordinadamente coa Deputación nas cuestións de seguridade da estrada do colexio. Malia que esta carta do Valedor foi enviada o 8 de maio, o Concello aínda non respondeu, aseguran dende a ANPA, “a pesar de ser requirido en varias ocasións. Parece claro, máis unha vez, que o Concello de Gondomar non ten ningún interese en solucionar os problemas de seguridade do colexio Neira Vilas de Peitieiros”.

A poucos días do comezo do curso, a ANPA do Neira Vilas manifesta “a súa fonda preocupación” de que a situación continúe sen cambios e que as familias e o profesorado do centro teñan que seguir asumindo as funcións da Policía Local para evitar o atropelo dos nenos á saída do colexio, polo que esixen ao Concello que cumpra a súa obriga de garantir a seguridade dos escolares de Peitieiros.