O pasado mes de febreiro o pleno do Concello de Gondomar cedía o servizo de recollida e xestión do lixo á Deputación de Pontevedra coa adhesión a un convenio marco achegado por esta. Mais o pasado 1 de agosto a Deputación volveu a debater e posteriormente votar as cláusulas do mesmo. Dende a agrupación nacionalista de Gondomar agora preguntan se este novo convenio que rexerá o servizo é igual ou diferente ao aprobado polo pleno local. Aseguran que nin a Deputación nin o Concello de Gondomar brindan información algunha ao respecto. Engaden que ademais da inexplicable nova votación do convenio marco, a deputación puxo en pleno verán a exposición pública o regulamento do servizo.
Ninguén sabe que di o novo convenio marco.
O concelleiro Antonio Araújo opina que “esta circunstancia desvela a fraude ou o engano que no seu día denunciamos, toda vez que os concellos adheríronse a un convenio enviado pola Deputación no seu día e agora impónsenos outro cuxo contido ignoramos, ou sufre cambios, xa que é descoñecido polas corporacións municipais, cando menos pola de Gondomar”.
De feito a nova votación e aprobación do devandito documento foi dada a coñecer no Boletín da Provincia con data 4 de agosto. Na mesmas, tamén anunciábase a apertura dun procedemento de contratación para a contratación da recollida, transporte e tratamento dos RSU e para a xestión dos Puntos Limpos. Todo elo por un importe de 5.312.128,87.-€/ano, por un período de 25 anos contados a partires da sinatura do contrato e sen posibilidade de prórroga.
Regulamentos a exposición pública en agosto.
O terceiro e último anuncio incluído nese boletín provincial informa da aprobación e posta en exposición pública do regulamento do servizo de recollida e tratamento dos RSU e da xestión dos puntos limpos dos concellos que delegaron estes servizos na Deputación Provincial. “Un regulamento que tamén foi aprobado o 1 de agosto e que é totalmente descoñecido polas corporacións municipais, cando menos pola de Gondomar”, engade Araújo. Advirte que neste caso estas ante unha cuestión “de grande importancia pois neste regulamente, que ignoramos, van estar as claves da calidade dos devanditos servizo, así como os custes dos mesmos”.
Recurso de reposición nacionalista aínda sen resolver
Os cinco edís nacionalistas (non adscritos) sinalan que “cabamos de lle advertir á Deputación Provincial que no caso de Gondomar hai un recurso de reposición por nós presentado, en tempo e forma, contra o acordo plenario de adhesión de 6 de febreiro de 2014 que aínda está sen resolver, polo que entendemos que Gondomar debe estar fóra da listaxe de concellos publicada no BOP como adheridos ao sistema de xestión de RSU proposto pola Deputación”. Engaden que na devandita listaxe aparece Gondomar xunto a concellos onde a “recollida dos RSU nada ten que ver coa nosa realidade poboacional, xeográfica etc, como poden ser Covelo, Mondariz Balneario ou Fornelos de Montes”.
Prognostico: Taxas e pagamentos á alza.
Para os nacionalistas a manipulación do tema por parte da Deputación cheira mal. “Como tamén denunciamos cando o pleno de adhesión, e á vista da manobra que a Deputación acaba de facer, dende o grupo municipal nacionalista estamos convencidos que á volta dun ano ou menos, en Gondomar a taxa do lixo pasará dos 100€ e con peor servizo, e pagando tamén por usar o Punto Limpo”, sinalan.
Petición
Antonio Araújo explica que por iso “reiteramos a nosa petición, porqueaínda estamos a tempo, de cancelar a adhesión a esta fraude, e que sexa o propio Concello quen xestione a recollida dos RSU. “