Eladio Costas carga contra a administración local de Gondomar ante un novo revés xudicial.

Imprimir
eladio

As relacións na interna do Partido Popular de Gondomar non son as mellores dende o inicio da xestión de Fernando Gutián ao fronte do partido e da alcaldía. Nomeadamente con quen fora seu segundo na lista, o ex tenente de Alcalde Eladio Costas Pereira así como co actual presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez, tamén do seu partido. O primeiro abandonou o goberno en marzo de 2013 por discrepancias co rexedor e deixou ao bipartito PP-CDL en minoría no pleno. Os desecontros políticos e administrativos con Urbano Esmerode remataron en máis dunha ocasión nos xulgados. Esta mañá o xornal Faro de Vigo daba a coñecer unha nova sentenza de xustiza que obriga ao Concello de Gondomar a transferir á Entidade Local de Morgadáns o 25% dos impostos recadados na parroquia nos anos 2011 e 2012. Tras coñecerse esta última, agora Eladio Costas volve a cargar e sinala que esta é a “pinga que colma o vaso” e afirma que Guitián e o seu equipo “día a día se fan merecedores da rebaixa do 50% dos seus salarios”, como ten resolto o pleno dende setembro de 2012, medida que o goberno ata de agora non aplicou.

Para Eladio Costas, por si fora pouco o novo revés xudicial, nos últimos 15 días aconteceron outros feitos que evidencian a incapacidade “de Guitián e a concelleira de Facenda”, Natalia Salgueiro (CDL), para xestionar o Concello. Neste senso sinala a paralización do proxecto sectorial de A Pasaxe, a rebaixa en máis de 200 prazas do aparcadoiro prometido para As Cercas, e a negativa a aprobar os orzamentos 2014 no último pleno para evitar unha rebaixa dos seus salarios engadida nunha moción da oposición. Engade que Gondomar simula unha “empresa en apuros”, confirmada polo plan de axuste recentemente aprobado, “polo que non son merecedores dos salarios que cobran”.

Insiste en que existe un acordo de pleno do mes de setembro de 2012, “que lles obriga a rebaixarse os salarios nun 50%, que actualmente son de 3.750€  polo Sr. Guitian, 2.250 € de Natalia Salgueiro e 1.500€ dos outros catro concelleiros, por 14 pagas ao ano”. Así como que no pleno do pasado do 3 de xullo, “Guitian, non quixo aprobar o orzamento de 2014, pola esixencia da oposición a que cumprise o acordo plenario de 2012, que esixe rebáixa do 50% mencionado dos seus salarios”.

Rexeita a actuación da administración no caso dos impostos reclamados pola Entidade Local de Morgadáns , que agora trala resolución xudicial “obriga ao Concello a facer unhas contas, que leva tres anos sen facer, e que a Sra. Natalia Salgueiro, aínda ten a osadía de dicir agora, tres anos máis tarde, que encargará aos técnicos que fagan os cálculos”. Contas que segundo o edil Eladio Costas, “nos custarán a todos os cidadanos un 4% máis”, polos xuros.