Os promotores do círculo Podemos Gondomar preparan a súa asemblea constitutiva para o 5 de xullo.

Imprimir
10415679 252046518333609 1375573852582991137 n

O vindeiro sábado 5 de xullo terá lugar en Gondomar a presentación do círculo local da corrente política Podemos. Deste xeito conformarase a segunda organización de militantes do grupo liderado por Pablo Iglesias que se constituíra como cuarta forza electoral nos tres concellos do Val Miñor, nas Europeas. A presentación terá lugar ás 20 horas no Centro Neural de Gondomar e terá carácter de asemblea aberta, segundo adianta a VM.info, o profesor Manuel Lado, un dos promotores do círculo. Ademais de Lado, entre os iniciadores da formación gondomareña atópanse entre outros Rosa Pascual, María Castro, Marga Cachaza, Odette Guillán e Paloma Amigo.


O círculo de Gondomar "creouse a raíz da asemblea do círculo de Nigrán", explica Manuel Lado. Relata que nesa instancia aínda que concorreron veciños dos tres concellos do Val Miñor "decidimos crear os círculos por concellos, xa que nos parecía o máis operativo". Foi así que un grupo de simpatizantes de Podemos en Gondomar, "creamos unha páxina de facebook, twitter e correo electrónico e constituímos o círculo de Gondomar".
Ao igual que o acontecido en Nigrán, o acto de presentación farase funcionando como asemblea. Lado adianta que primeiro terá lugar unha intervención do círculo de Vigo que explicará aos asistentes a experiencia de traballo que leva o grupo na cidade olívica. De seguido terá lugar a creación formal do círculo Gondomar onde o grupo promotor dará conta "como se formou o grupo e que os animou a facelo, podendo participar e opinar todo os membros da asemblea", engade Manuel Lado.
Rematará o acto cunha recollida de datos de posibles colaboradores e simpatizantes do círculo de Gondomar, e coa fixación dunha nova asemblea para organizar as distintas comisións do círculo "e poder empezar a traballar", sinala o promotor. O acontecido na asemblea será reflectido nunha acta que terá carácter público.