Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Axilizan o plan sectorial de A Pasaxe evitando sometelo ao procedemento de avaliación ambiental.

Axilizan o plan sectorial de A Pasaxe evitando sometelo ao procedemento de avaliación ambiental.

Correo-e Imprimir PDF
a-pasaxe
Download this file (2014AAE1677_DI_MP_ProxSect_Pasaxe_Xestur_v2.pdf)
Download this file (2014AAE1677_DecisionN_MP_ProxSect_Pasaxe.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

A resolución adoptada pola Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia foi dada a coñecer este venres no DOG coa publicación da memoria ambiental da  Modificación do proxecto sectorial da Pasaxe, que afecta os concellos de Gondomar e Vigo. O documento que entre outras disposicións legaliza a situación de tres naves na zona de inundación do río Zamáns, dá por bo un “axuste do estudo hidraulico” do que só esixe quitar a recanalización feita para a instalación dun lavadoiro de coches efectuada anos atrás por a gasolineira Combustibles del Noroeste S.A.  

A decisión de non someter ao procedemento de avaliación ambiental o proxecto sáldase cun breve “sen prexuízo dos informes e autorizacións que sexan preceptivos de conformidade coa normativa sectorial aplicable”. A orden datada o 9 de abril de 2014 ven asinada por Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Zona de afectación

O proxecto sectorial de A Pasaxe, en camiño a súa aprobación definitiva, afecta 586.987 m2 da parroquia de Vincios (Gondomar) e en menor proporción a veciña parroquia de Valadares (Vigo). A zona atópase “transformada”, segundo o documento “na súa parte maior polas máis de 80 empresas instaladas”. Ata de agora, e por mor da súa historia urbanística, medrou “á marxe do planeamento”, segundo a Xunta. Feito que se traduce na carencia dos servizos básicos como o abastecemento de auga, saneamento, subministro eléctrico e viario para o desenvolvemento da actividade empresarial e industrial. “Como resultado produciuse unha perda dos valores ambientais na área afectada”, salienta o informe especial.

“Suxestións” presentadas ao proxecto que quedan a resolver.

A principios de abril o proxecto de avaliación ambiental entrou a exposición pública por 20 días naturais. Entre os organismos que presentaron suxestións, e que constan no documento publicado,  atópase o Servizo de Montes que alertaba da existencia de masas forestais propiedade da Comunidade de Montes de Vincios no ámbito do proxecto. Engadía que dita comunidade ten un proxecto de ordenación en proceso de aprobación na zona nunha parcela que “non aparecía” na documentación achegada.

Prevención e Defensa Contra incendios forestais, lembraba a necesaria prevención nunha zona de uso industrial estremeiras co monte. Así como que os concellos de Vigo e Gondomar son zonas de “alto risco de incendios forestais” incluídos na Orde do 18 de abril de 2007.

Augas de Galicia salienta que a zona de fluxo preferente do río Zamáns que figura no documento de inicio “non foi avaliada por Augas de Galicia e non coinciden coa achegada con anterioridade polo promotor (Xestur Pontevedra) a este organismo de conca”. Remata o informe da empresa de augas lembrando que o proxecto sectorial deberá remitírselle para a súa aprobación.

Tamén o concelleiro Xosé Antonio Araújo (ANOVA), presentara unha nota na que manifestaba a súa preocupación polas “consecuencias ambientais que se poden derivar dunha mala xestión das augas residuais” do polígono. Cualificaba o informe ambiental de “ambiguo” no punto e esixía ao promotor aclaración do sistema de saneamento previsto, nomeadamente o tipo de residuos a tratar e especificacións das Estacións EDAR.  

Tamén a gasolineira

Complementan o catálogo de suxestións petitorios de empresas involucradas e nomeadamente da citada empresa Combustibles del Noroeste S.A. que discrepa coa delimitación do polígono. Rexeita a exclusión da estación de servizo e demais instalacións auxiliares (lavado de coches) situada no entorno próximo do río Zamáns . A empresa sinala que estas instalacións “forman un todo unitario de explotación” polo cal “deberían implicar a súa completa inclusión no nova delimitación”.

O modelo proposto polo promotor

O promotor propón un desenvolvemento en catro fases, as dúas primeiras para urbanizar o solo industrial máis consolidado e as outras dúas para crear a zona de nova implantación industrial ao tempo que se integran algunhas parcelas preexistentes. Nese senso opina que se poderá garantir a viabilidade ambiental do polígono coa modificación da zona de protección do Zamáns e un conxunto de medidas para “evitar e corrixir os efectos ambientais adversos”. Medidas das que só afirma “deberán ser valoradas convenientemente polo órgano sectorial en materia de augas”.