-O BNG presenta ao Pleno de Gondomar unha moción reclamando a rebaixa do IVE do 21% ás perruquerías e outra en apoio á petición de indulto para os sindicalistas Carlos e Serafín
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar dúas mocións para o seu tratamento no Pleno do Concello de Gondomar. Por un lado, solicita do Pleno instar á Xunta de Galiza a demandar do goberno do Estado a rebaixa do IVE do 21% que actualmente se aplica ao sector dos salóns de peiteado, debido ás negativas consecuencias, que segundo os nacionalista, xerou a aplicación do Real decreto 20/2012, de 13 de xullo, que provocou o peche de miles de estabelecementos e a perda de miles de postos de traballo.
Por outro lado, o BNG local insta ao Concello de Gondomar a declararse a favor de que o Consello de Ministros conceda o indulto para Carlos Rivas Martínez e Serafín Rodríguez Martínez, sindicalistas condenados “ inxustamente”, segundo os nacionalistas, a penas de tres anos prisión pola súa participación nunha folga do transporte no marco da negociación do convenio colectivo de Pontevedra.
Agregan que a petición de indulto está avalada pola sinatura “de miles de cidadáns e cidadás que consideran esta condena de carácter ideolóxico, coa que se pretende criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora e que os movementos sociais e sindicais non lles fagan fronte ás políticas regresivas en dereitos”. Denuncian que a decisión do Consello de Ministros contrasta coa laxitude coa que lles concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción como banqueiros ou cargos políticos.
Deste xeito, tal e como denuncian desde as tres centrais sindicais maioritarias, os dous traballadores afectados atópanse á espera, tras da suspensión de execución da pena imposta mentres se tramita unha nova petición de indulto, da decisión ministerial que evite a súa entrada en prisión.
Ante esta situación, o BNG considera que o Pleno do Concello de Gondomar, como representante da cidadanía do concello debe pronunciarse “inequivocamente a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración a petición que acaban de reiterar os sindicatos maioritarios e miles de galegos e galegas”.