A xustiza anula un complemento salarial de 9 mil euros anuais do arquitecto municipal de #Gondomar.

Imprimir
casa-concello-gondomar

A xustiza dá a razón a 40 traballadores do Concello de Gondomar que recorreron unha modificación da relación de postos de traballo aprobada en 2010 que beneficiaba cun aumento de soldo de 9.000 euros anuais ao arquitecto municipal. Aprobada por acordo plenario durante o goberno de Martín Urgal (PP), a modificación foi considerada un "agravio comparativo" por parte do resto da plantilla que decidiu recorrer a resolución pois o aumento non se correspondía con ningunha variación das funcións do técnico. O xulgado número 2 de Vigo acaba de ditar unha sentenza anulatoria do acordo plenario por considerar que o aumento salarial non tiña ningunha xustificación obxectiva segundo da conta nesta xornada "La Voz de Galicia".

A resistencia dos traballadores ao que consideraban unha modificación "a dedo" da relación de postos de traballo, sustentábase nos informes contrarios á mesma emitidos con anterioridade pola Secretaria Municipal, a Intervención e mais a Deputación de Pontevedra.
A corporación municipal xa denegara en 2006 ao arquitecto municipal unha petición de complemento salarial presentada por este. Trala moción de censura de 2009 que levou ao goberno municipal a Martín Urgal e Alfonso De Lis (ex PSOE), a petición do funcionario de carreira foi acollida polo novo goberno e aprobada xerando polémica e un gran malestar no resto dos funcionarios que a consideraba inxusta e sen xustificación porque as súas funcións seguían a ser as mesmas. Opinión ratificada polo maxistrado nesta sentenza anulatoria.