O Concello de Gondomar delega a xestión e recollida do lixo na Deputación coa oposición de ANOVA e o PSOE.

Imprimir

-Coa suma do voto do independente Manuel Gómez (IXG) o goberno en minoría de Gondomar saca adiante un convenio marco que delegará na Deputación a xestión e fixación de taxas da recollida do lixo.

-Antonio Araújo (ANOVA) : “A partires de agora cando un veciño veña a interesarse ou a queixarse ou informarse ou a pedir que lle poñan un colector, dende o concello o Sr.Gutián diralle: vaia vostede a Pontevedra”.

-Paco Ferreira (PSOE) “El convenio aprobado es por tiempo indifinido, lo que podría ser nulo de pleno derecho, pero que sin lugar a dudas es una carta en blanco a la diputación "sine die" en detrimento de los vecinos de Gondomar”.

Tras conseguir o voto de apoio do independente Manuel Gómez (IXG), o bipartito PP-CDL conseguiu sacar adiante un acordo plenario para delegar na Deputación de Pontevedra o servizo de recollida e tratamento do lixo. A resolución adoptada no pleno da noite do xoves, contou coa firme oposición dos concelleiros de ANOVA e o PSOE que cualificaron  como “leonino” e “unha carta en branco a Louzán”, o convenio marco que rexerá a xestión do lixo en Gondomar. Deste xeito, queda delegado na Deputación a través de SOSGAMA a xestión da recollida do lixo e o punto limpo así como a fixación das taxas correspondentes a partir do ano 2016. O convenio marco que rexerá a delegación de funcións de  Gondomar na Deputación tamén contou con informes contrarios da Secretaría e Intervención Municipal, na que se sinalan vulneracións ao réxime das administracións locais, prexuízos patrimoniais para o concello, así como graves consecuencias para o futuro dos traballadores adscritos ao servizo municipal.

Que delega e como será a recollida do lixo tras a firma do acordo?

O convenio marco que rexerá a recollida do lixo de Gondomar é o mesmo que a Deputación de Pontevedra está negociando con todos os concellos da provincia con menos de 50 mil habitantes. Nel a cambio dunha mellora na “eficacia, eficiencia, racionalidade e calidade na súa prestación”, os concellos asinantes delegan por “tempo indefinido” absolutamente todas as “facultades administrativas relativos ó servizo”, segundo consta nas cláusulas do contrato. O que implica entre outras cousas que a Deputación será quen fixará a localización dos colectores de lixo, o percorrido, horarios e frecuencias das recollidas, sen que o Concello de Gondomar teña competencia algunha salvo formular propostas nunha “comisión de seguimento” que se formará a tal fin con representantes das partes asinantes.

Quen paga e como?

Pagan os contribuíntes como sempre. Salvo que a partir de agora a taxa do lixo será fixada dende a Deputación a partir dos custes que esta entenda corresponde á cobertura do servizo en Gondomar. Para iso o Concello de Gondomar delega á Deputación a fixación da “Ordenanza Fiscal” pola prestación do servizo. Delegación que se fará efectiva a través dunha taxa provincial en 2016 pois nese intre o Concello de Gondomar deberá pagar das súas arcas o servizo mentres fai as modificacións necesarias no administrativo-financieiro.

A partir de 2016, a Deputación ademais de fixar a taxa do lixo, no caso de que a mesma non sexa suficiente para cubrir os custos da operativa no municipio poderá cobrarse do Impostos de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE), pois Gondomar deberá delegar o seus cobros como garantía de pago á Deputación.

ANOVA: “A sombra de Louzán é alongada”.

“Gondomar leva sen alcalde e sen goberno que merezan tal nome dende xullo de 2009” sinalou o concelleiro de ANOVA, Antonio Araújo.  Para o edil,  a aprobación do acordo debeuse a unha estratexia deseñada “polo goberno do PP, obedecendo o mandato do Sr. Louzán.

Nese senso lembrou que o goberno municipal ” tentou aprobar un convenio semellante en xuño do ano pasado”, pero daquela “o goberno municipal retirouno da orde do día do Pleno logo de ser ditaminado pola Comisión Informativa, sen ningunha explicación”.

“Agora as cousas cambiaron  grazas aos bos oficios do Sr. Louzán que sabe cobrar os favores cando o necesita. Onte Manolo Gomez de IxG,  comezou a pagar a débeda contraída co Sr. Louzán: o enchufe do sei fillo na Deputación despois da moción de censura, a exposición de motos no Museo de Pontevedra, etc”, denunciou Araújo.

Para o grupo nacionalista a perda de potestades do Concello de Gondomar é tal que “Ata as reclamación e queixas sobre o servizo e a resolución de reclamacións quedaran en mans do Sr.Louzan, igualmente que a potestade sancionadora”.

PSOE: “Con este convenio le estamos dando una carta en blanco a Louzán

“Con este convenio le estamos dando una carta en blanco a Louzán  para ser gobernados desde Pontevedra según los intereses de la Diputación” sinalou o portavoz do PSOE Paco Ferreira dende o seu perfil nas redes. En coincidencia coas pegas ao convenio expostas por ANOVA, Ferreira salienta que “Gondomar pierde poder institucional y delega competencias a la Diputación”.

Por outra banda, Ferreira sinalou nunha mensaxe aos socialistas que “El convenio aprobado es por tiempo indifinido, lo que podría ser nulo de pleno derecho, pero que sin lugar a dudas es una carta en blanco a la diputación "sine die" en detrimento de los vecinos de Gondomar”.

Cuestionamentos da oposición

Nacionalistas e socialistas coincidiron nas principais críticas ao convenio aprobado na noite do xoves polo goberno en minoría do bipartito PP-CDL co apoio do independente Manuel Gómez (IXG).  Nese senso sinalan que o convenio marco non garante a subrogación dos traballadores que prestan servizos na actual empresa concesionaria (GESECO). Neste punto, Araújo sinala que “quedan nunha situación laboral de total inseguridade, podendo ser trasladados a traballar a outros concellos, ou directamente despedidos”.

Tamén sinalan dous elementos de peso que poderían provocar a nulidade do mesmo: o seu carácter de “indefinido” e a ausencia do “preceptivo estudo económico-financieiro” para coñecer os costos deste servizo para os veciños de Gondomar. Elementos tamén salientados no informe contrario ao convenio elaborado pola Secretaría e Intervención Municipal de Gondomar. Salientan os grupos da oposición o propio informe desfavorable dos técnicos municipais.

Para ambos os dous grupos, esta delegación da xestión do lixo agrava as súas consecuencias pois a partir do 2016 será a Deputación quen fixe o prezo do recibo da recollida. “Más alarmante es que la propia Diputación sí el coste de la recogida del servicio no cubre gastos podrá ir sobre los impuestos del IBI y del IAE de los contribuyentes de Gondomar, es decir sobre los vecinos”, puntualiza Paco Ferreira.

A oposición anuncia medidas

Os socialistas comprometeron que a súa agrupación non deixará as cousas así e buscará futuras actuacións porque “Ya no se trata de política, se trata de respeto y de defender lo nuestro”.

Pola súa banda, para ANOVA estase ante un “disparate de Convenio con cesión de competencias propias do Concello á Deputación, que a lei non contempla, un Convenio cun informe contrario da Secretaria e da Intervención do Concello, un Convenio que lle vai dar ao Sr.Louzan o control sobre o 33% do Capitulo 2 do Presuposto de  Gasto do Concello de Gondomar.” Por iso o grupo non descarta a interposición “dos pertinentes recursos para a defensa da legalidade e dos intereses lexítimos dos veciños e veciñas de Gondomar”.