Dous équidos feridos no Galiñeiro deberon ser sacrificados e retirados polo Concello de Gondomar.

Imprimir

- Ambos os dous animais foron examinados previamente polos servizos veterinarios e, ante o mal estado que presentabas debido ás súas feridas, decidiuse sacrificalos, segundo da conta o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos González Comesella .
-A asociación que xestiona o curro do Galiñeiro sinala que non foi informada dos feitos polas autoridades.
O primeiro deles foi localizado na parroquia de Morgadáns, no lugar de Murxido. Segundo relatou González Comesella a VM, tratábase dun exemplar vello. Recibido o aviso, mobilizouse a Policía Local e deuse aviso aos servizos veterinarios. Tras examinar o animal que se lanzara por un terraplén impactando contra a calzada, os servizos veterinarios aconsellaron sacrificalo debido á gravidade de feridas que presentaba. Unha vez sacrificado, o corpo do animal foi recollido por un xestor autorizado.
O segundo dos casos tivo lugar na estrada do Galiñeiro. Nesta ocasión tratouse dun poldro ferido na calzada, que unha vez mobilizado o mesmo operativo e examinado, tamén foi sacrificado debido ao seu mal estado.


Dada a imposibilidade de identificar os propietarios dos animais, os gastos, tanto médicos coma de transporte, ocasionados por estes incidentes serán custeados pola Concellaría de Medio Ambiente de Gondomar, segundo informa Juan Carlos González Camesella, edil responsable do departamento.
As arcas municipais pagaron sobre 300€ por cada animal.
Consultado por VM, o concelleiro González sinalou que a empresa encargada do servizo de recollida cobra próximo a 20 céntimos por quilo do animal retirado. Provocando que as arcas municipais deben sufragar sobre 150€ polo exemplar maior atopado en Morgadáns e un pouco menos no caso do poldro de Vincios. A iso debe sumarse os gastos médicos tamén cun custe aproximado ais 150€ por exemplar.
A dificultade de identificar aos propietarios dos équidos.
O concelleiro González Camesella explicou que ao non contar con marcas nin microchip a identificación dos exemplares e case imposible. Advirte que en varios puntos do concello, transitan équidos salvaxes cuxos propietarios poden estar tanto en Gondomar, como noutros concellos próximos, caso Tomiño ou Tui.
O curro do Galiñeiro non tiña información ao respecto.
Contactada a asociación que xestiona o curro do Galiñeiro, desde alí sinalaron que non tiña noticia algunha destes feitos nin recibiran notificación algunha do Concello de Gondomar. Advirten que de tratarse dun poldro de poucos meses a ausencia de marcas pode que se debera a que aínda non nacera cando tivo lugar o curro.
Outras fontes consultadas por VM lembraron que a intensa néboa que abrangueu parte da Serra do Galiñeiro durante o último curro fixo que algúns exemplares escaparan do tradicional cordón de persoas que os van axotando cara o peche onde entre outras faenas son marcados coa sinal do propietario.
Mais todas as fontes sinalaron a súa preocupación pola existencia de "piratas" que por fóra das asociacións de propietarios de cabalos e curros levan gando e équidos aos montes da zona sen respectar as normas. Nomeadamente a obrigatoriedade de contar con marcas rexistradas nas asociacións correspondentes así como cos seguros que cobren este tipo de sucesos, como os agora acontecidos.