A menos de un ano da súa reparación a estación de bombeo do barrio A Torre en Chaín presenta unha nova avaría. A pesar dos case 40 mil euros gastados no seu arranxo, a estación está vertendo augas fecais ao río e invadindo con malos cheiros a zona. Así o denuncia o grupo nacionalista ANOVA nun comunicado no que acusa ao goberno municipal de Gondomar de ignorar o problema "malia a que por alí pasa a diario o concelleiro ramo que vive a 200 metros".
Segundo explica o concelleiro Xosé Antonio Araújo (ANOVA), a estación de bombeo instalada no barrio da Torre-Chaín, a carón da Ponte da Serra, foi construída a primeiros dos anos 2000, "por mor da incapacidade política do goberno municipal (daquela de Carlos Silva) que non foi quen expropiarlle a zona de paso pola beira do río a un particular para pasar as tubaxes do saneamento e así evitar o devandito bombeo".
O nacionalista agrega que ademais da resultar gravoso para as arcas municipais polo elevado consumo eléctrico, "o peor de todo son as permanentes avarías e o custe das súas reparacións e, obviamente os vertidos directos ao río cando isto sucede".
Hai menos dun ano ao abeiro dos Fondos de Compensación Ambiental promovidos pola Consellaría de Presidencia da Xunta de Galicia, o Concello procedeu a reparar a devandita estación de bombeo cun investimento de 38.455 €. "E malia que cando se aprobou o proxecto non pleno por parte do Grupo Nacionalista advertímoslles que iso era tirar cos cartos e que era mellor investilos na expropiación dos terreos para poder pasar as tubaxes, non nos fixeron caso" recrimina Araújo.
Así coas primeiras chuvias do outono "o bombeo xa está avariado e así leva máis de 20 días" vertendo augas fecais directamente ao río e ao camiño e con malos cheiros. Unha situación que "dende o goberno municipal ignoran e non fan nada por resolver malia a que por alí pasa a diario o concelleiro do ramo que vive a 200 metros", segundo sinala o comunicado de ANOVA.
Os nacionalistas advirten que poñerán isto en coñecemento das autoridades competentes, "toda vez que a concesión da axuda para as obras de arranxo do bombeo levaban aparellado o compromiso do Concello para o mantemento do mesmo".