Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar ANOVA esixe ao goberno de Gondomar que explique o da “fosa séptica” no centro da vila.

ANOVA esixe ao goberno de Gondomar que explique o da “fosa séptica” no centro da vila.

Correo-e Imprimir PDF
saneamento-gondomar-as-garz

 

Antonio Araújo Quintas, en nome dos cinco concelleiros nacionalistas (ANOVA) de Gondomar esixe explicacións ao goberno local e Augas de Galicia sobre a fosa que se está a construír na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns á altura das vivendas de As Garzas.

As obras están relacionadas coa rede de saneamento de Gondomar que Augas de Galicia está levando a cabo, “practicamente no centro da Vila, por un importe de 3,5 millóns de euros, son o resultado da mala execución dun proxecto de saneamento, deficitario, e feitas polo mesmo organismo nos anos 1.997-98”, sinala Araújo. Agrega que naquela altura xa foran denunciadas. “Agora este remendo vai custarlle ás arcas públicas case a metade do que se investiu naquela primeira fase, incluída a construción da depuradora”, opina o concelleiro.

Operarios da empresa adxudicataria das obras de saneamento de Gondomar están a preparar o terreo onde se instalará un tanque de tormentas e unha estación de bombeo, que segundo o proxecto almacenará os excesos de augas pluviais e fecais das parroquias de Morgadáns, Chaín e Vilaza.

“A preocupación dos veciños dos bloques de vivendas situados a menos de 40 metros da grande fosa séptica, quéixanse con razón da falla de explicacións do Goberno Municipal e de Augas de Galicia”, sinala Araújo. Agrega que os veciños edificios lindantes fanse preguntas tan básicas como: “vai haber filtracións nos seus garaxe?, vai producir ruídos o sistema de bombeo?, vai cheirar mal ? , que vai pasar cando veñan as riadas?, e cando limpen o depósito ou as bombas se avaríen?, era ese o lugar máis axeitado para a súa ubicación?”

ANOVA adianta que preguntará ao goberno de Gondomar “quen se vai facer cargo do mantemento deste depósito, do sistema bombeo e do consumo eléctrico que sen dúbida será elevado”. Nese senso, na mañá des xoves presentou no Rexistro Municipal a petición de acceso ao expediente destas obras, “pois a súa tramitación ofrécenos dúbidas razoables a respecto de cómo foi levada. A maiores, queremos saber cal foi a opinión do Concello sobre esta obra ou, que din os informes dos técnicos municipais sobre a súa localización”, informa Araújo.

Os nacionalistas adianta que se as repostas do Goberno Municipal non son “claras e rápidas”, levarán o asunto ao Parlamento Galego (a través do Grupo Parlamentar de AGE) para que sexa a propia a Xunta de Galicia e Augas de Galicia quen dean as explicacións oportunas.