Sábado, 15 Aug. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Gondomar Gondomar celebrará dúas charlas sobre a praga do Picudo Vermello das palmeiras

Gondomar celebrará dúas charlas sobre a praga do Picudo Vermello das palmeiras

Correo-e Imprimir PDF
escaravello-vermello

- Impartiranse no Centro Cultural de Donas e no Centro Cultural de Vilaza os días 8 e 10 de maio respectivamente

Propiciadas pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, Gondomar acollerá dúas charlas para informar aos veciños sobre a problemática da praga do "Picudo Vermello" que está a afectar ás palmeiras do municipio. A primeira delas impartirase no Centro Cultural de Donas o día 8 de maio; e a segunda será no Centro Cultural de Vilaza o 10 de maio. Ambas as dúas ás 20.00 horas.

Dende a Concellaría de Medio de Gondomar salientan a importancia destes coloquios a fin de coñecer esta problemática e as posibles solucións tanto na súa prevención coma na súa erradicación. A administración local alerta que esta praga xa obrigou a tallar 4 palmeiras na parroquia de Borreiros.

Non é a primeira vez que Gondomar acolle unha xornada sobre o Picudo Vermello. O municipio xa foi escenario, o pasado mes de marzo, dunha xornada técnica organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG) en colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar e o Concello de Gondomar.

O Picudo Vermello é orixinario das rexións tropicais do Sueste Asiático e Polinesia. Na actualidade é o insecto máis daniño para as palmeiras chegando a causar, na maioría dos casos a súa morte. As larvas escavan galerías dende as follas ata a coroa, en cuxo interior se alimentan vorazmente. O tratamento contra esta praga non é sinxelo – sinalan dende o Concello - xa que é resistente ás fumigacións. A falta dun método seguro, "o mellor é eliminar as partes afectadas", recomendan.