Mércores, 4 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A actual redacción do PXOM de Gondomar non atopa consensos a pesar de que o goberno afirma o contrario.

A actual redacción do PXOM de Gondomar non atopa consensos a pesar de que o goberno afirma o contrario.

Correo-e Imprimir PDF
VISTA AREA_DE_GONDOMAR

- Concelleiro de Urbanismo, Carlos Lameiro (PP) "houbo bastante acordo entre todos os grupos reunidos".

- Que o goberno afirme que hai consenso coa actual redacción do PXOM "é unha mentira total e absoluta", sinala Antonio Araúxo, portavoz de ANOVA.

-"Estamos traballando coa maior celeridade posible, pero o PXOM está verde e lonxe da madurez necesaria para a súa aprobación inicial", afirma Francisco "Paco" Ferreira, portavoz do PSOE.

O Centro Neural de Gondomar acolleu onte a reunión que mantiveron o alcalde do municipio, Fernando Guitián e o concelleiro de Urbanismo, Carlos Lameiro co resto de grupos políticos da corporación, con motivo da configuración do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Na xuntanza tamén estiveron presentes os concelleiros do Goberno e representantes do equipo redactor de EPTISA, empresa encargada da redacción do Plan.

O obxecto da devandita reunión foi a presentación e explicación do novo escrito do Plan de Ordenación de Gondomar despois de ser analizado polo equipo técnico, que determinou cales das suxestións, achegadas no mes de decembro polos grupos da oposición, podían ser incluídas e cales delas debían ser descartadas.

Para o goberno muncipal "houbo bastante acordo entre tódolos grupos"

Unha vez rematada a xuntanza, o goberno municipal emitiu un comunicado onde se afirmaba por parte do responsable de urbanismo, Carlos Lameiro que "houbo bastante acordo entre todos os grupos reunidos", feito que ao entender da administración "evidencia o esforzo do goberno municipal por alcanzar a maior conformidade posible para sacar adiante o Plan que Gondomar necesita".

Agrega que a "estas primeiras iniciativas sumaránselle outras que serán formuladas durante o período de alegacións que se abrirá despois da primeira aprobación do Plan", instancia da que non se aporta data no escrito.

Antonio Araúxo: "Que o goberno afirme que hai consenso coa actual redacción do PXOM é unha mentira total e absoluta"

A interpretación da situación do PXOM e o acaecido na xuntanza é moi diferente do lado da oposición. "Que o goberno afirme que hai consenso coa actual redacción do PXOM é unha mentira total e absoluta", sinalou o concelleiro Antonio Araúxo (ANOVA), quen participou da devandita reunión. "O único que fixo o equipo redactor foi desmontar unha a unha tódalas suxestións plantexadas polo noso grupo, a partir do modelo de plan que formula o PP".

Nese senso, Araúxo salientou o feito de que o goberno non fixo ningún contacto coas asociacións e colectivos veciñais e que non as pensa facer ata despois da aprobación inicial. Sendo este un dos puntos fundamentais plantexados polo nacionalismo nas reunións de consulta. Tamén quedaron sen incluír outros aspectos formulados pola súa agrupación en materia de núcleos rurais, áreas de reparto, convenios urbanísticos obsoletos que o actual plan mantén. Se ben o portavoz nacionalista entende que os modelos de urbanismo que sostén cada grupo son diferentes, polo menos poderíase aceptar os mecanismos de consulta á sociedade. "Non aceptaron iso nin ningún dos puntos formulados polo nacionalismo", remata Araúxo.

 

Francisco Ferreira: "O PXOM está verde e lonxe da madurez necesaria para a súa aprobación inicial"

Tampouco o concelleiro socialista Paco Ferreira comparte as conclusións do goberno municipal sobre o estado do PXOM. Ao igual que Araúxo, Ferreira sostén que a etapa de consulta á poboación debe ser anterior a levar o documento a súa aprobación inicial. Por outra banda, se ben afirma que o seu grupo está a traballar coa maior celeridade posible, "o PXOM está verde e lonxe da madurez necesaria para a súa aprobación inicial". Dá como exemplo que coa actual redacción só en Prado (Morgadáns), 400 vivendas perderían o carácter de chan urbanizable. Unha deficiencia que se repite noutras zonas de Gondomar ata chegar aos 3000 afectados segundo estudos da súa agrupación. Terras polas que hoxe os veciños pagan impostos como fincas urbanas.

O portavoz socialista afirma non entender con qué criterios se está a manexar o goberno do PP para non acadar a opinión e suxestións da poboación que a oposición reclama. Pola súa banda, o nacionalista Araúxo só se explica a situación a partir dunha concepción "sui generis do consenso por parte da alcaldía: para o señor alcalde hai consenso só cando se pensa igual que el".