- Esta praga xa obrigou a cortar 4 palmeiras na parroquia de Borreiros.
-Organizada polo COIAG e a Consellería de Medio Rural e do Mar, terá lugar o mércores 6 no Centro Neural do municipio
-A sesión está dirixida a profesionais do sector e constará dunha parte teórica e outra práctica
Ante o primeiro positivo do Escaravello Vermello (Rhynchophorus ferrugineus) en palmeiras detectado na provincia de Pontevedra, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG) en colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar e o Concello de Gondomar, realizarán unha xornada práctica na que se ensaiarán e aplicarán as técnicas aplicadas para combater esta praga.
A sesión, dirixida a profesionais do sector de xardinaría, responsables de parques e xardíns municipais, viveiros, enxeñeiros dedicados ao sector ornamental e paisaxismo, terá lugar no Centro Neural de Gondomar o próximo mércores, día 6.
A xornada desenvolverase dende as 09.00 a 19.30 horas e dividirase nunha parte teórica e outra práctica que incluirá o recoñecemento de palmeiras sospeitosas, demostración en campo e técnicas de cirurxía e aplicación de endoterapia, técnicas de recuperación e de control, entre outras actuacións.
Dende a Concellaría de Medio de Gondomar prevese que esta xornada será de grande utilidade para facer fronte a esta praga que xa obrigou a cortar 4 palmeiras na parroquia de Borreiros.