Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar renova o seu convenio de colaboración coa Asociación ‘Tercera Juventud’

O Concello de Gondomar renova o seu convenio de colaboración coa Asociación ‘Tercera Juventud’

Correo-e Imprimir PDF
Firma-Convenio-Tercera-Juve

Por segundo ano consecutivo a Asociación "Tercera Juventud" recibirá unha subvención do Concello de Gondomar destinada a financiar os gastos de aluguer, luz e auga do local que alberga a súa sede na Rúa Emigrante. Pola súa parte, a Asociación 'Tercera Juventud' comprométese a levar a cabo actividades de sensibilización social para a integración dos colectivos da terceira idade e a desenvolver actuacións dirixidas a impulsar iniciativas sociais activas cos maiores do municipio, incluídas as promovidas desde o Concello.

 

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e a concelleira de Benestar Social, Patricia Durán recibiron este mércores ao presidente da Asociación 'Tercera Juventud', Don Valeriano Giráldez Novás. Na reunión mantida no Concello asinouse, por segundo ano, o Convenio de colaboración para o ano 2013, en virtude do cal a asociación recibe unha subvención por parte do Concello de Gondomar destinada a financiar os gastos ordinarios de aluguer e abastecemento de luz e auga do local que acolle a súa sede na Rúa Emigrante.

Como exemplo das actividades levadas a cabo por esta asociación destacar o éxito do Concerto Solidario celebrado no mes de decembro do pasado 2012. O festival contou coa colaboración do cantautor gondomareño, Rubén de Lis e grazas ao evento recolléronse alimentos que foron doados a Cáritas de Gondomar.

'Tercera Juventud' constituíuse en marzo de 2012 como unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolve as súas actividades no ámbito local e que ten como fins principais "facilitar a reunión libre de persoas maiores para gozar do tempo de ocio levando a cabo diversas actividades no seu local social".

O Concello salientou que coa firma deste convenio,"o goberno local reforza o compromiso adquirido coa Asociación 'Tercera Juventud', apostando por iniciativas e actividades de ocio destinadas aos seus maiores e colaborando economicamente con eles para que poidan seguir levando adiante os seus obxectivos."