Domingo, 19 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar Espertan polémica en Gondomar as votacións do alcalde na Deputación co respecto á supresión das entidades locais .

Espertan polémica en Gondomar as votacións do alcalde na Deputación co respecto á supresión das entidades locais .

Correo-e Imprimir PDF
fernado-gutian-sentado

 

-O pleno da Deputación de Pontevedra aproba dúas mocións a prol da permanencia das entidades menores locais .

-O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián votou a favor na moción presentada polo PP e abstívose na presentada polo PSOE.

-A moción do PSOE pide "rexeitar" o anteproxecto de lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, mentres que a do PP solicita a Rajoy a "revisión" do mesmo.

Populares e socialistas no pleno da Deputación de Pontevedra non chegaron a un acordo para unificar as súas respectivas mocións, cara a pedirlle ao goberno de Mariano Rajoy a "revisión" ou "rexeitamento" do anteproxecto de lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, que intenta eliminar entre outras institucións ás entidades locais menores. Coa presenza de Urbano Esmerode (presidente da ELM de Morgadáns) nas barras, a sesión rematou coa aprobación por separado de cada unha.

As mocións de socialistas e populares

O PSOE presentou unha iniciativa, a través do miñorano Juan González (Nigrán), na que solicitaba "Rexeitar as medidas de recorte do goberno central onde se pretende suprimir as Entidades Locais Menores", das cales 8 delas atópanse na provincia de Pontevedra. Mentres que a dos populares, segundo informou Fernando Guitián a este medio, pide ao Executivo español a "revisión" do anteproxecto co respecto ao mesmo punto.

Fernando Guitián defende a coherencia das súas votacións.

O alcalde de Gondomar Fernando Guitián -nesta mesma xornada investido como deputado-, puxo sobre a mesa da interna popular a necesidade de defender a permanencia da Entidade Menor Local de Morgadáns. Compromiso que tiña asumido dende o último pleno municipal cando votou a prol da súa defensa, nun xiro político co respecto a súa primeira posición contraria ao tema, e manifestada 6 días antes no pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

Segundo relatou Guitián a valminor.info, ante a imposibilidade de xuntar nunha soa moción as iniciativas, o grupo popular decidiu absterse no momento de votar a socialista, co xeito de non deixarllo nunha situación "contraditoria", no caso de votar negativamente.

Socialistas e nacionalistas entenden incongruente a conduta política de Guitián.

O socialista Juan González,  interpreta de maneira distinta a conduta política de Fernando Guitián, á que cualificou como "incongruente":  “votou a favor no seu concello a unha moción igual, votou que non na mancomunidade do Val Miñor e agora na Deputación abstense”, sinalou. O deputado González, sinala que a moción aprobada polo pleno do concello de Gondomar, co voto do alcalde Guitián, tamén "rexeitaba" as medidas de recorte do goberno de Rajoy, ao igual ca presentada nesta xornada polos socialistas na Deputación.

O comportamento político do rexedor de Gondomar, tamén espertou críticas en filas nacionalistas." Está claro que o señor Alcalde de Gondomar é moi voluble...cal pluma ao vento... e cambia de criterio segundo a ocasión", ironizou o concelleiro Xosé Antonio Araúxo. "O asunto é que a día de hoxe tanto en Gondomar coma en Morgadáns, ignoramos cal é a verdadeira postura do señor Alcalde ao respecto da Entidade Local Menor", salientou.

A moción socialista na Deputación contou co apoio dos representantes do BNG.

Mais alá do peso que a aprobación destas iniciativas poda ter na resolución final da devandita lei española e no futuro destas entidades locais , a polémica está servida cara ao próximo pleno de Gondomar, onde o concelleiro Araúxo pensa volver preguntar "para que nos aclare", cal é a "verdadeira posición sobre a E.L.M.M" que ten o rexedor.