Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar agasalla aos nenos e nenas saharauis que pasaron o verán no Val Miñor.

O Concello de Gondomar agasalla aos nenos e nenas saharauis que pasaron o verán no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
saharahui-na-Colleira

-A estancia inscríbese dentro do programa 'Vacacións en paz', posto en marcha pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

-O acto de despedida celebrouse no Parque da Coelleira

-Os rapaces inician a viaxe de retorno ao Sahara o vindeiro domingo.

Os once nenos e nenas que pasaron o verán no Val Miñor dentro do programa 'Verán en paz', participaron esta tarde xunto coas familias de acollida no acto de despedida organizado polo Concello de Gondomar, a través da Concellería de Benestar Social. A merenda, que tivo lugar no Parque da Coelleira, contou coa asistencia das familias de acollida, membros da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a concelleira de Benestar Social, Patricia Durán, e do alcalde, Fernando Guitián, así como dos técnicos do departamento.

A concelleira de Benestar Social, Patricia Durán, agradeceu á participación das familias no programa 'Verán en paz', posto en marcha pola asociación galega Solidariedade co Pobo Saharaui hai máis de dez anos. Este verán foron 11 os nenos e nenas que se beneficiaron do programa. Deles, 3 ficaron en Gondomar, 7 en Nigrán e 1 en Baiona.

'Vacacións en paz' persegue proporcionar aos menores durante os dous meses de estancia en Galicia asistencia médica (a asociación conta cun convenio co Sergas nesta materia), a cobertura das necesidades alimenticias e ofrecerlles unha convivencia familiar e educación. Cómpre destacar que os meses de verán, que son os que os nenos pasan no Val Miñor, no deserto do Sahara as condicións acadan dimensións extremas, con temperaturas que poden pasar dos 50 graos centígrados.

Retorno dos cativos ao Sahara.

A ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí ( SOGAPS ) comunicou que o vindeiro domingo día 2 de agosto ás seis da tarde remata a campaña deste ano do Programa Vacacións en Paz en Galicia e tamén por ende no Val Miñor.

O domingo ás seis da tarde os serán recollidos diante do concello de Gondomar para seren trasladados ao aeroporto de Santiago por membros da ONG, onde se dirixirán a Tinduf, para reunirse coas súas familias no Sahara.

A SOGAPS agradeceu ás familias de acollida así como ao Concello de Gondomar e tódolos miñoranos, que permitiron coa súa colaboración concretar felizmente a campaña.