Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar apoiará a gravación de catro discos de músicos locais.

O Concello de Gondomar apoiará a gravación de catro discos de músicos locais.

Correo-e Imprimir PDF

blue-jeans-(6)-Trátase das novas propostas de Rubén de Lis, Blue Jeans, Os Terribles de Donas e Os Irmandiños de Vincios

-Todas as bandas actuarán dentro da programación cultural deste verán

-Rubén de Lis rexistrará en directo os temas do seu novo traballo no concerto programado por Cultura o 28 de xullo

-"É esencial potenciar a difusión dos artistas e grupos locais", Ignacio Troncoso, concelleiro de Cultura

os terribles_donas_slide

Catro traballos discográficos verán a luz en 2012 grazas a colaboración do Concello de Gondomar. Nun momento no que a crise que atravesa o sector discográfico deixa a súa pegada en bandas e grupos musicais, o Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Cultura, abriu en 2012 unha partida destinada o apoio á edición dos discos de formacións locais.

Despois de que a inicios de ano Os Terribles de Donas presentasen 'Pedramoura', 19 temas que ademais de ofrecer un completo percorrido pola música galega erguíanse como un paso máis na recuperación do noso patrimonio sonoro, a partir deste verán sairán a luz os discos 'Suma y Sigue', de Rubén de Lis, 'Estereotipos', de Blue Jeans e 'Monte Galiñeiro' dos Irmandiños de Vincios, todos eles coa colaboración do Concello.

Para o concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso, é fundamental potenciar a difusión dos artistas e grupos locais e unha vía esencial neste sentido é a gravación dos seus novos temas en discos. A iniciativa posta en marcha busca dar resposta ao baleiro co que se topaban os músicos á hora de conseguir colaboración económica para afrontar os custes da gravación discográfica, unha situación que moitas veces provocaba que os propios músicos desistisen da edición.

Rubén de Lis, en directo

ruben-de-lisO novo traballo de Rubén de Lis, que sairá á rúa baixo o título 'Suma y sigue', recolle toda unha serie de temas propios que oscilan dende o pop e o rock ata composicións máis instrumentais. Desta vez, e como novidade, o disco gravarase en directo durante os concertos que o músico ofrecerá este verán en Galicia, un deles o que se desenvolverá en Gondomar o sábado 28 de xullo.

Rubén de Lis cualifica este traballo de "versátil", con letras moi sinceras que reflicten a realidade de hoxe, o amor e o desamor, cargado de enerxía e musicalidade. Respecto da axuda do Concello, de Lis destaca que a colaboración de Cultura é "máis que notable e significa a decisión case total de poder realizar este disco".

Outro dos grupos que contou coa colaboración do Concello foi Blue Jeans. 'Estereotipos', que próximamente sairá á venda, convértese no seu primeiro traballo discográfico. A banda comezou a súa andadura en 2007 e ten compartido escenario con Moon Cresta e Dakidarría, Iván Ferreiro e No Way Out, entre outros.

En paralelo, os Irmandiños de Vincios gravaron 'Monte Galiñeiro', que recolle 16 dos mellores temas cos que veñen rodando por toda a xeografía galega dende hai máis de sete anos. O disco recolle nove temas propios, un deles homenaxe ao gaiteiro Secundino de Chandebrito.

Disco e xira

irmandinos-formacion

Ademais da edición dos discos, o Concello completa a súa aposta pola difusión destes artistas locais cunha serie concertos nos que se presentarán os temas novos, incluída na programación cultural que o Concello artellou para este verán. Así, Rubén de Lis actuará oo sábado 28 de xullo na Praza da Alameda e os Irmandiño de Vicios farano o 11 de agosto na Praza da Alameda nunha noite na que tamén tocará Susana Seivane. Pola súa banda, os Terribles de Donas presentarán os temas de Pedramoura o 4 de agosto na Praza da Alameda.