Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar: Francisco Jorquera reclama a Feijoo que non actúe de forma "sumisa" ante os recortes.

Gondomar: Francisco Jorquera reclama a Feijoo que non actúe de forma "sumisa" ante os recortes.

Correo-e Imprimir PDF
festadiadapatria

Francisco Jorquera cualificou de "insulto ás persoas paradas" que o Goberno do Estado rebaixase as prestación por desemprego. Jorquera sinalou tamén a rebaixa das pensións, "nun país como Galiza que xa cobra as pensións máis baixas do Estado", denunciando que esta crise "é o mellor pretexto para impor un modelo económico sustentado no recorte de dereitos ás traballadoras e aos traballadores". As declaracións do deputado nacional e actual candidato á Xunta de Galicia polo BNG, foron realizadas en Gondomar durante a celebración do Día da Patria organizado polas agrupacións do Bloque da bisbarra e Vigo o pasado domingo.

 

Entre outros puntos, Jorquera criticou que non se defendan os dereitos dos pequenos aforradores "embaucados polos bancos, uns bancos que non están cumprindo coa súa función de financiar as empresas galegas, sendo as máis prexudicadas as pequenas empresas e as persoas autónomas". Neste sentido sinalou o prexuízo que lles vai crear o incremento do IVE, "un imposto absolutamente inxusto, que todas e todos pagamos, independentemente dos nosos recursos". Nese senso defendeu a existencia dunha fiscalidade progresiva que grave "máis a quen máis ingresa", sinalando que as cifras que se pretenden aforrar coas medidas de axuste, "equivalen ás cifras do fraude fiscal, sobre o que se segue sen actuar".

Francisco Jorquera manifestou que os recortes afectarán gravemente ás Comunidades autónomas que acabarán por facer recortes en Sanidade e Educación para cumprir co obxectivos de déficit que lle marca o goberno central. Neste sentido, Jorquera reclamou que Feijoo "non actúe de maneira submisa e que faga oír a voz de Galiza".

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados declarou que "cómpre recuperar o sentido ético da política" e sinalou que se poden e se deben facer políticas diferentes, pensando no pobo. Así, e tendo presente o lema do BNG cara ao o 25 de xullo: "Rescatemos os nosos dereitos", Jorquera fixo fincapé na necesidade de rescatar soberanía "para decidirmos sobre os noso recursos e a súa xestión, para negociar as galegas e os galegos directamente sobre a nosa pesca ou a nosa industria do naval".

Jorquera rematou a súa intervención animando ás e aos presentes a acudir á manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela "para loitar por recuperar os nosos dereitos".

O acto en Gondomar rematou cuns petiscos e a actuación do grupo de Música Tradicional Zurrumalla. Estiveron presentes os concelleiros do BNG de Baiona, Nigrán, Redondela e Vigo e os deputados do BNG Carme Adán e Henrique Viéitez, así como o colectivo de militantes e simpatizantes da bisbarra.