Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Unha cooperativa de mulleres abre un novo espazo hostaleiro ecolóxico - cultural en Gondomar.

Unha cooperativa de mulleres abre un novo espazo hostaleiro ecolóxico - cultural en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
image 13

Gondomar contará cun novo centro hostaleiro dedicado ao turismo rural e cultural. Trátase do albergue Nornas Hostel, que desenvolverase baixo un proxecto cooperativo de tres mulleres. A finca atópase sobre o Camiño do Adro a poucos metros da igrexa de San Bieito, e abrirá as súas portas este venres 20 a partir das 20 horas cun espectáculo cultural aberto a todo o público que queira coñecer ás instalacións.

 

"O proxecto nace da necesidade de afrontar unha complicada situación laboral pola que atravesábamos", comentou Alba, unha das fundadoras da cooperativa. Foi así que xunto coa súa irmá Eva e Lorena, amiga de ambas as dúas, comezaron a traballar na concreción desta empresa na que querían reunir o seu gusto pola hostalería ecolóxica e o turismo cultural.

A oportunidade presentouse coa posta en aluguer da finca propiedade da familia Quintáns, onde funcionaba o taller de roupa ecolóxica da deseñadora María Almazán, e que mudara meses atrás. Alba comenta que Gondomar presentouse como un lugar ideal para desenvolver o proxecto pola súa beleza paisaxística, a súa riqueza en patrimonio histórico e cultural, así como pola súa posición estratéxica entre as Serras do Galiñeiro, a Groba e o mar. Unha xeografía enchida de routeiros para tódolos gustos.

Nun marco de baixo custe para os turistas e visitantes, a cooperativa ofrecerá un servizo de aloxamento (habitacións compartidas ou privadas), aluguer de espazos para xuntanzas ou celebracións e organización de cursos e obradoiros.

Durante a inauguración deste venres contarase coas actuacións da bailarina Montse García , a arpista Olalla Vidal e as poetisas Silvia Penas e Elvira Riveiro . As actuacións estarán acompañadas de petiscos e bebidas.