Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar leva 4 días sen servizo de policía local polas tardes.

Gondomar leva 4 días sen servizo de policía local polas tardes.

Correo-e Imprimir PDF
concello escudo_vidrio

O grupo municipal do BNG levantou a alerta onte pola tarde: a oficina da Policía Local estivo pechada e sen efectivos as tardes do venres, sábado, domingo e luns. A causa, unha cativa plantilla de tan só 6 efectivos para cubrir as necesidades de patrulla no municipio. Por riba dúas baixas médicas deixaron o grupo de seguridade reducido a 4 efectivos os últimos días e sen a posibilidade de cumprir horas extras por recortes orzamentarios.

 

A denuncia da oposición agrega que durante a fin de semana, o alcalde Fernando Guitián enviou a dous policias locais para fornecer a seguridade da Festa d'Arribada, agravando o problema. Neste contexto, "que pasará se se produce unha emerxencia ou calquera tipo de incidencia ou un cidadán necesita acudir á Policía Local en horario de tarde?" preguntou o portavoz nacionalista Pauliño del Río.

As deficiencias en materia de seguridade no municipio ten ocupado varias veces o debate nos plenos municipais. Se ben nominativamente Gondomar conta con 8 efectivos, na realidade hai só 6 por mor dunha excedencia ( a do Inspector Xefe, e actual concelleiro socialista Paco Ferreira) e un traslado. A administración local ten en proceso unha convocatoria para cubrir dúas prazas, nembargante fontes da administración fixan a concreción do mesmo non antes dun ano.

Pero para o BNG esta realidade é responsabilidade dunha política do gobernante PP, á que rexeita por "tanta ineficacia e pasotismo do goberno local, do seu Alcalde Sr.Guitian e do seu concelleiro delegado de Policía e tenente de Alcalde Sr. Eladio Costas." Nese senso, a oposición lembra outra serie de feitos denunciados dende hai tempo como a perda de subvencións para a compra de equipamento e a contratación de axentes, para rematar en recortes dende hai un mes da paga de horas extras para que os funcionarios que aínda están en servizo podan cubrir as ausencias.

Pauliño del Río reclamou " o inmediato restablecemento da quenda de tarde do servizo da Policía Local", ao mesmo tempo que sinalou que dende o BNG "facemos directamente responsable ao Sr.Alcalde das consecuencias desta disparatada e irracional medida."