Gondomar estuda solicitar un informe de impacto ambiental polo parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Imprimir
galieiro ao_fondo


O Concello de Gondomar recibiu o documento de inicio do proxecto sectorial do polígono eólico que enviara a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ás administracións locais, como parte da tramitación da concesión. Nesa achega, Medio Ambiente interroga á administración local sobre a necesidade de elaborar un informe de impacto ambiental, nomeadamente sobre a parroquia de Vincios, no caso de Gondomar, co fin de ampliar a información sobre os efectos do proxecto na zona. A devandita consulta atópase a estudo do arquitecto municipal e de momento, o rexedor Fernando Guitián non quixo adiantar a decisión do seu goberno ata obter a opinión do técnico.

Nembargante, Guitián confirmou a súa vontade política de soster o rexeitamento da instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro, efectuado polo pleno da corporación en xaneiro deste ano. Nese senso, informou que o resolto naquel pleno extraordinario coincide totalmente coa súa opinión sobre esa iniciativa.

O rexedor escusou pronunciarse por "coherencia" co modelo de xestión que está a impulsar no seu mandato. As declaracións foron feitas durante un encontro cos xornalistas da bisbarra mantido este martes, onde Guitián salientou a súa firme decisión de lograr un funcionamento axeitado entre os funcionarios e técnicos municipais cos responsables políticos do Concello.

A Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro quere que os Concellos soliciten o informe.

Por outra banda as distintas asociacións que compón o movemento Pola protección da Serra do Galiñeiro declaráronse "persoas xurídicas interesadas no procedemento" a fin de poder presentar alegacións no futuro estudo de impacto ambiental.

Os concellos de Vigo e Gondomar, afectados por este proxecto, xa se pronunciaron en contra nos seus respectivos plenos, aínda que tamén hai territorio afectado nos municipios de Porriño e Mos.

Nesa liña, a plataforma xa presentou sendas iniciativas a estes concellos para que os mesmos soliciten á Xunta que realice o devandito estudo de impacto ambiental.