Presentan un vídeo cunha simulación do impacto do parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Imprimir
desfeitagalineiro


Os trece aeroxeradores proxectados para a Serra do Galiñeiro na última adxudicación de parques eólicos efectuada pola Xunta de Galicia cambiarán de xeito radical a fisionomía e a paisaxe do mítico monte. Así o demostra unha simulación das instalacións feita por membros da plataforma de cidadáns e asociacións que loita por evitar a súa instalación. A través dun vídeo, e seguindo os datos contidos na oferta presentada por TERRA DO VENTO S.R.L., adxudicataria do polígono eólico, a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, denuncia o grave impacto que sobre a riqueza patrimonial deste enclave terá a obra.

O proxecto, en trámite administrativo, pretende colocar 13 aeroxeradores de 3 MW cada un deles con 39 Mw de potencia.  O modelo de aeroxerador contemplado no proxecto é o VESTAS V-90, de 45 metros de radio de rotor e unha altura de buxe que pode estar comprendida entre os 90 e os 105 metros, é dicir que a altura total estaría entre 135 e 150 metros.

Segundo a plataforma, aparte dos variados impactos que xeraría a construción destes enxeños, o parque levaría aparellado tamén unha importante remoción de terra para soterrar o sistema colector e de transporte que permiten o envío de enerxía á subestación transformadora do parque. A iso tería que agregarse a construción dunha subestación de transformación, o centro de control do parque e os viais de acceso a todas estas instalacións duns 5 metros de ancho.

A Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro, ven de facer unha simulación do que sería a construción deste parque eólico; o supón, adiantan a " fin da Serra como a coñecemos e queremos".

Dim lights Embed Embed this video on your site