Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar pagará 290 mil euros en débedas atrasadas e alegará contra o microchip nos cabalos do monte.

Gondomar pagará 290 mil euros en débedas atrasadas e alegará contra o microchip nos cabalos do monte.

Correo-e Imprimir PDF
concello_escudo_vidrio

Coa aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito e mais un suplemento crediticio durante o pleno municipal deste xoves, o Concello de Gondomar pagará 288.953,16€, en concepto de débedas atrasadas. As mocións foran presentadas polo bipartito gobernante (PP-CDL), e contou cos votos do concelleiro Manuel Gómez (IXG), integrante do anterior goberno de Martín Urgal (PP). O BNG votou en contra, desconforme coa maneira co que goberno municipal tramita e decide que facturas se pagan e cales non. O PSOE optou por absterse na votación.

Os nacionalistas afirmaran 24 horas antes do pleno que algunhas das facturas estaban sen conformar. Agregaban que "segue habendo facturas de difícil explicación como os 60.000€ de consumo eléctrico (Fenosa) en decembro de 2010, a construción de muros sen moita xustificación, horas extras, ordenadores a tutiplé ou, o mobiliario dos despachitos dos concelleiros con cadeiras de 300€, etc."

No pago de facturas incluídas no recoñecemento extraxudicial de crédito atopábase unha por 73.000€ á empresa de recolección do lixo, GESECO. Un pagamento fóra do contrato que eleva o gasto deste servizo por riba do millón de euros para o Concello. Isto levou a que o BNG presentara unha moción para estudar a posible volta deste servizo a conta do persoal municipal. Acordo que non fora aprobado.

Outras mocións aprobadas.

O pleno da corporación a iniciativa do Bloque aprobou por unanimidade unha moción para que o goberno municipal alegue contra o Decreto da Xunta que obriga a implantar microchips nos cabalos do monte.

Aprobouse tamén unha moción de urxencia sobre o efecto das riadas e as enchentes co obxecto de estudar a solución das mesmas e reclamar da Xunta de Galicia actuacións urxentes ao respecto.