Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A Xunta cuestiona duramente a redacción do PXOM de Gondomar

A Xunta cuestiona duramente a redacción do PXOM de Gondomar

Correo-e Imprimir PDF
urbanismo_gondomar

A Xunta de Galicia remitiu ao Concello de Gondomar un informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), no que practicamente non deixa recuncho do proxecto sen orde de modificar. O escrito sinala erros de fondo como a ausencia de solucións ao problema viario do concello e a falla de previsión en materia de servizos urbanísticos que acompañe as estimacións de crecemento. Cuestiona ás estimacións xerais de crecemento de habitantes e vivendas, ás que entende están sobre valoradas por enriba do 45% dos datos do IGE. Entende que están mal delimitados unha importante cantidade de núcleos rurais tradicionais, así como a clasificación de solo urbano, urbano non consolidado, rústicos, urbanizable e as súas delimitacións. Tamén foi obxectada a documentación presentada, como a falla de claridade nos planos, erros na codificación e ata unha advertencia que di “Non deberá corrixirse o documento do PXOM con notas feitas á man”. A oposición nacionalista cualificou como moi graves as consecuencias do informe e manifestou a través do concelleiro Xosé Antón Araúxo que “Senón fose porque este goberno xa está amortizado e fóra de circulación, era para pedir a dimisión de todos eles, dende o Alcalde-ausente, ata o concelleiro de urbanismo .“

Existe unha diferenza de máis dun 45% entre as estimacións de crecemento de poboación que fixo o equipo redactor do PXOM Gondomar e a constatación da mesma por parte da Xunta de Galicia. Mentres dende o Concello se basea o crecemento urbanístico do municipio nunha media de crecemento de 350 habitantes por ano, a administración autonómica detectou que na realidade está nos 240. A devandita diferenza repercute na cantidade de posibles novas vivendas a construír durante a vixencia do plan, debendo agora Gondomar diminuír dita cantidade e axustar a totalidade do Plan ás novas previsións. Estes datos forman parte do Informe elaborado por María Encarnación Rivas Díaz, Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da de Medio Ambiente Territorio e Infraestrutura. A lista de cuestionamientos, correccións e críticas que contén o devandito informe, podería dar por terra as pretensións da actual administración cuatripartita municipal de acadar a súa aprobación inicial nesta lexislatura.

No seu punto dous sobre o Sistema Viario, o ditame sinala que o PXOM non resolve as carencias detectadas no sistema xeral viario, “non recolle nos planos de ordenación o trazado da futura circunvalación da vila, nin contempla ningunha actuación ao respecto.” O informe da secretaria agrega que se ben o sistema viario é un dos obxectivos que establece o plan na súa memoria “non se materializa no seu estudio económico.” Tamén en materia de servizos municipais, o informe sinala a falla de correspondencia entre o crecemento que o plan proxecta para o concello de Gondomar e a capacidade das redes de servizos como abastecemento e saneamento”.

Valminor.info non puido manter aínda unha conversación sobre o punto co concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis, quen durante os últimos días debeu retirarse por motivos de saúde. Pola súa banda, unha vez estudado o documento, o ex rexedor Antón Araúxo sinalou que “Deixando atrás a obscurantista tramitación do mesmo coa expulsión do BNG da mesa de contratación, ou a información privilexiada que os amigos do goberno recibiron. Agora é o Goberno amigo da Xunta de Galicia quen se encarga de poñer no seu sitio todo canto o señor de Lis e o PP se negaron a consensuar co BNG e coa veciñanza.” O líder nacionalista agregou que “Este xeito de actuar vendendo fume e mentindo, deu coma resultado un cuestionamento total do PXOM por parte Xunta, que no seu informe previo á aprobación inicial non deixa títere con cabeza e obriga ao Concello, na práctica, a redactar un novo PXOM. Algo disto xa o advertira no seu informe sobre o PXOM o Arquitecto Municipal pero, a irresponsabilidade e as présas do Goberno por obter un titular nos xornais sobre a súa brillante xestión urbanística precipitou este final.”

 

 

 

 

A Xunta cuestiona duramente a redacción do PXOM de Gondomar