Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Morgadáns: Unha industria no monte, 3 anos sen aprobar contas e un orzamento dubidoso nun só pleno.

Morgadáns: Unha industria no monte, 3 anos sen aprobar contas e un orzamento dubidoso nun só pleno.

Correo-e Imprimir PDF
Unha planta de reciclaxe de entullo propiedade de Construcciones y Excavaciones Mecca sería instalada en Prado, Morgadáns.

Unha planta móbil de machaqueo e reciclaxe de entullo será proposta mañá no pleno da Entidade Local Menor de Morgadáns. A instalación está proxectada no "monte Penido" a uns 200 metros da capela do Barrio de Prado, na devandita parroquia, segundo a documentación presentada por Urbano Esmerode, presidente da Entidade, ao Concello de Gondomar para a súa inclusión na redacción do novo PXOM. A montaxe da planta require duns 9500 m₂, e unha área de ampliación dispoñible de ata 22.000 m₂. A empresa solicitante dos permisos é Construcciones y Excavaciones Mecca, de Sabarís, representada polo empresario Guisuppe Mecca Stolfi.

A inclusión deste punto foi coñecida na mañá de onte, cando a E.L.M. de Morgadáns remitiu ao único vogal da oposición en funcións, Xaime Luxilde (BNG) a orde do día. O vogal nacionalista denunciou a remisión tardía deste documento, a só 24 horas de sesión. Tamén os grupos e membros das asociacións culturais, ecoloxistas e de defensa do patrimonio miñorano manifestaron no correr da tarde a súa preocupación polas consecuencias da posible aprobación desta planta móbil. "Todos sabemos que ese tipo de plantas, son ruidosas, pulvíxenas, de procesamento continuo, e que na práctica supoñen un aparcadoiro de lixos deste tipo, alen do trasego e tráfego contínuo de camións", manfiestaban . Tamén amosaron preocupación pola existencia nese lugar de bens arqueolóxicos de gran valor e lembrouse a destrución tempo atrás dunha mámoa nesa zona por mor dun recheo de entullo.

O debate e a polémica do pleno de Morgadáns non remata con esta iniciativa. O presidente popular Urbano Esmerode, tentará dar aprobación definitiva ás contas xerais da Entidade, as que acumulan un atraso no seu tratamento dende o ano 2007. Ditas contas foron rexeitadas e alegadas polo BNG e deberán contestarse durante o pleno. Por si isto fora pouco, o presidente Urbano Esmerode deberá explicar á mesa como fixo para dar por aprobado o orzamento de 2010 da Entidade (o máis grande da historia desa parroquia, por 400 mil euros), sen contestar ás alegacións presentadas pola oposición e veciños de Morgadáns.

Outros temas que inclúe a orde do día que promete unha sesión maratóniana, é o informe da presidencia sobor o escrito presentado no xulgado contra os orzamentos do Concello de Gondomar 2010, onde non se contemplou a cota correspondente ao porcentaxe das tasas dos veciños que a devandita administración debe reintegrar á Entidade. Completan a orde do día unha proposta da presidencia sobre "amoxoamento do Monte Galiñeiro, Caldeirón e outros", a partir dunha solicitude presentada por Domingo González Pérez, María Freiría Domínguez, Domingo Rodríguez Costas e mais José López Domínguez e Avelino Esmerode. Tamén figura na orde do día a solicitude de persoal dentro dos programas de cooperación da Xunta de Galicia.