24 horas despois os 400 expedientes seguen na mesma cadeira no Concello de Gondomar.

Imprimir
paco-ferreira

As carpetas coas máis de 400 solicitudes das altas de empadroamento seguen na mesma cadeira á espera de ser rexistradas no Concello de Gondomar. A imaxe fotográfica tomada onte polo candidato do PSOE Juan Francisco Ferreira puido ser contemplada “en vivo e directo” polas persoas que se achegaron esta mañá polo despacho de atención ao público da Casa Consistorial . De feito, a muller de Ferreira cuxa solicitude leva meses sen rexistrarse concorreu nesta xornada a solicitar o volante de empadroamento anunciado pola concelleira Natalia Salgueiro, o que non lle foi outorgado polo funcionario por non estar aínda dispoñible o servizo.

A situación de momento no parece ter solución inmediata pois o responsable do traballo de rexistro das altas está de vacacións e logo de incorporarse deberá facer un curso necesario para o manexo do novo softwear adquirido pola administración, informou Paco Ferreira a Valminor.info. O candidato socialista falou persoalmente con Eladio Bargiela, secretario persoal do Alcalde, quen lle informou desta situación. Tamén durante o transcurso desta conversación, Ferreira presenciou a consulta de Bargiela á secretaria municipal quen informou da imposibilidade de achegar un volante de empadroamento o documento algún ás persoas que non están aínda rexistradas no padrón do concello.

Ferreira, que tomou hoxe novas imaxes da cadeira “máis famosa do concello”, sostén que o feito constitúe unha verdadeira imprudencia por parte das autoridades responsables. Tamén aclarou que non acusa aos seus compañeiros funcionarios (Ferreira é xefe da Policía Local de Gondomar).

O candidato socialista respondeu tamén ás acusacións vertidas pola concelleira e membro do goberno municipal Natalia Salgueiro, de vulnerar a lei de protección de datos, afirmando que os que vulneran a devandita norma son os que manteñen eses expedientes ao acceso da calquera persoa e tirados nunha esquina. Agregou que as portas desa oficina sempre están abertas e sen control como o resto do edificio do Concello.