Xaime Luxilde (BNG) impugnou as contas presentadas polo presidente da Entidade o popular Urbano Esmerodes, cualificando as mesmas de confusas e mal feitas. O vocal referíase entre outras, a obras xa realizadas que figuraban no título Investimentos do novo orzamento, así como a gastos dos exercicios anteriores que non especificaban con exactitude lugar e traballos realizados.
Durante o debate Luxilde preguntou en varias oportunidades a Esmerodes sobre a orixe de varios ítems pero a mesa non dispoñía na sesión da documentación dos mesmos. Tamén pediu información sobre un pagamento de 121 mil euros do pasado 4 de marzo, procedente do Concello de Gondomar por unha débeda histórica desa administración coa Entidade.
Esmerodes contestou que a mesma estaba comprendida nunha conta conxunta con outros ingresos a percibir do municipio gondomareño, que acumuladas sumaban 245 mil euros. Destacou o presidente da Entidade que lograr o recoñecemento desa débeda por parte do municipio foi produto dun traballo de moitos anos e un logro que beneficiará a tódolos veciños.
O debate transcorreu nun xogo de pedidos de aclaracións do vocal da oposicións e a falta de datos concretos dispoñibles por parte da presidencia. Cando as preguntas e respostas non chegaban a ningunha aclaración das contas, Luxilde murmurou "O tema económico nesta Entidade e unha asignatura pendente."