ADEGA asegura que o plano viario Vigo Íntegra fomentará o despilfarro enerxético

Imprimir
vintegra2.jpg
ADEGA esixirá unha revisión profunda do plano sectorial denominado "Vigo Íntegra”, plano viario integral para a área de Vigo que presentou a Dirección Xeral de Obras Públicas o pasado 17 de xullo. Se hai algunhas actuacións positivas, quer a construción de carrís bici ou de aparcamentos disuasorios na contorna de Vigo, ADEGA entende este Plano, que aposta pola construción de quilómetros de autovías, provocará un incremento das emisións de CO2, metais pesados e acústica, perda de biodiversidade, destrucción de acuíferos, risco de enchentes, alén dun maior gasto para os dos usuarios/as. Chama a atención tamén a ausencia total de investimentos no ferrocarril de proximidade.

O Plano, recunca nun modelo insustentábel de comunicacións baseadas na utilización do vehículo particular, para o que se quere contruír viais de velocidade media-alta que, como sabemos, supoñen un maior gasto en combustíbel para a cidadanía. Deste xeito, o Plano “Vigo Íntegra” esquece as medidas propostas pola Unión Europea en canto á mellora da calidade do ambiente que obrigan aos estados membros favorecer a eficiencia enerxética, tamén na dotación das infraestruturas.

É precisamente o modelo de transporte polo que aposta “Vigo Íntegra” a súa eiva principal, pois está baseado na utilización do vehículo particular e non contempla a mellora ou a simple dotación de transporte colectivo para a comunicación intermunicipal na área de Vigo. Deste xeito, o Plano non cumpre os acordos do Parlamento Europeo relativos á promoción doutros modos de transporte alternativos ao coche, máis eficientes e menos contaminantes.

 
Tamén as actuacións previstas suporán para algúns concellos a construción de barreiras artificiais e a perda de bosques e coberteira vexetal, coa conseguinte merma na retención de auga no subsolo e, por tanto, nas reservas de augas das traídas municipais. Esta fragmentación do territorio terá un impacto negativo sobre a paisaxe, a fauna e a flora como é o caso do Monte Aloia ou a serra do Galiñeiro, espazo para o que habería que reivindicar o estatuto de parque natural.
O efecto barreira das infraestruturas poden rovocar tamén o incremento das inundacións en períodos de chuvia intensa, algo moi posíbel se temos en conta a experiencia acumulada nos últimos invernos.
 
ADEGA vai esixir unha revisión profunda do Plano “Vigo Íntegra” encamiñada a suprimir as actuacións máis lesivas e innecesarias, propoñendo como alternativa a promoción do transporte colectivo e do tren de proximidade, elemento central para calqueira plano que pretenda comunicar unha área metropolitana, e máis a área de Vigo.