E ao final salvounos a herba! - Crónica portAmérica 2014

Imprimir

portAmérica 2014 - © Fotos Oscar PinalComplicado sintetizar vinte e un concertos, oito suspendidos por raios e vinte e catro pratos de alta cociña. Un Portamérica, o terceiro, accidentado con final feliz.

Xoves 17 de xullo, ninguén presaxiaba a significancia da tromba que asomaba. E menos pechando a noite cos meneos de Meneo e dos espontáneos do escenario, que animaban o son mesturado, pegañento e rancio de “El tiburón, el tiburón” entre outros temas pachangueiros míticos. Pouco traballo en directo e moito play se o comparamos cos que antecederon ao disc jockey ou showman? de Guatemala que, horrorice ou encante, indiferente non deixa.

Meneo 01

Os mestres belgas dos pratos, os 2ManyDjs, elegantes coma sempre e sen pegas. Quizais menos divertidos ca noutras sesións pero coa mesma habilidade coa que a cotío os irmáns, sen mirarse nin falar, conseguen graduar os subidóns do público.

2manyDJs - Oscar Pinal2manyDJs

Os tapóns que regalaban no festival eran para aminorar o efecto sonoro de Triángulo de Amor Bizarro, non si? Bo momento para facer cola nos baños portátiles. E é que este ano con dous escenarios, prefiro non pronunciar as empresas patrocinadoras, a unhas servidoras non lles daba tempo nin a mexar nin a repostar. Fóra retranca, un acerto a novidade pero quince minutiños entre concerto e concerto non viñan mal para dixerir os impulsos visuais e musicais.

Triangulo amor bizarro 01

Outra novidade deste ano, a pantalla dos tuits. Por se non chegaban o milleiro de pantallas que fan fotos, gravan vídeo e apantallan aos donos e donas, toma outra pantalla para apartarnos do momento presente e entreternos un anaco!

Uso movil 01Uso movil 02

A quen de seguro lles encantou foi aos que despotricaron contra Iván Ferreiro. Aburridos da súa atrevida e currada homenaxe a Golpes Bajos, berráronlle (os cobardes facíano en virtual ) saídas de todo tipo, “Malos tiempos para la lírica”. Sidonie din que estivo ben, iso din...

Ivan Ferreiro - Oscar Pinal

O Portamérica 2014 comezou de luxo (se obviamos a Vega, a recomendada da familia Rivera, e a Carlos Méndez) con The Jayhawks. Crema. A banda, que dende que a lidera Gary Louris alonxouse dos estilos tradicionais norteamericanos (folk, country) para o lado máis melancólico do pop e do rock, encandilou sobre todo cando soou a harmónica. E “Waiting for the sun” (título dun dos temas de The Jayhawks máis coñecidos) quedamos, cruzando os dedos polas previsións metereolóxicas.

The Jayhawks - Oscar PinalJayhawks 02

Jayhawks 03

Venres 18 de xullo. Catro horas de sono, ás dez e media as probas de son despertan ás e ós campistas. Longas esperas nas duchas lixadas e axeitadas só para acróbatas. Pero é o que ten un festival. Non todo van ser comodidades. Ou pagabas 20 euros por só un día de acampada con cheiro a bosta de cabalo pero con encanto (o prezo era ilóxicamente o mesmo por unha noite que por cinco) ou buscabas cama e baño limpo pola mesma pasta. As melloras da zona de camping notáronse e a carpa instalada deu a vida cando veu a treboada.

Carpa 01Choiva 01

Choiva 02

E vaia se choveu! Menos mal que algún desnortado versionou coa súa guitarra aos grupos máis doados de imitar dos programados para esta edición. E fíxonos máis amena a espera dos claros. E escampou. E cando escampou e saímos tomar unha Colorada chegaron os mormurios. Cancelouse o festival! Historias disparatadas, rumores e queixas. Pedían a devolución dos cartos da entrada e o cambio de Amaros. E foron rápidos en reintegrar os dos que compraran en taquilla o pase para o venres. Para o resto fai falta máis burocracia, pero a devolución dos cartos está garantida pola organización.

Choiva 03Venres entradas 01

O único, ao noso parecer, que fixeron mal foi non valerse cun altofalante ou un micro para comunicar a suspensión dos concertos e os pasos a seguir. Do resto, traballaron a reo para retomar o sábado a festa. E é que cando se trata da seguridade de vinte e cinco mil persoas, non se poden asumir riscos ( alegaron perigos por tormenta eléctrica). E Calle 13, Niki Hill e Calamaro volveron por onde viñeron. A presenza por terceira vez consecutiva de Vetusta Morla no cartel, para min, sobraba.

Palla Portamérica

Pois bendito twitter (non todo é branco ou negro), que informou que area e herba estaban a facer dun lameiro un terreo bailable. E foi. Blandiño e con cheiro a rural no porto do Molle de Nigrán. Estrenárono os pés que tiveron a sorte de brincar aos grandes The Sonics. Quen dixo que a idade importa? E non fai falta estar como un fío, un teclista pode pór os pelos de punta con gafas con cordón e un guitarrista co aspecto do borracho colorado do pueblo cantar coma un ruiseñor. Poñámonos serias. O conxunto musical (como unha queridiña amiga lle chama) estadounidense, malia comezar a facer rock and roll e garage nos sesenta, visitaron outra vez Galicia, frescos e sucios, fanse adorar os avós.

The Sonics 01

Caléxico foi a outra xoia. Sofisticados e dos únicos capaces de pasar dignamente dos ritmos latinos aos clásicos do país dos vaqueiros ou aos popeiros europeos, coa riqueza das súas cordas e os seus ventos mestizos entran gañas de fuxir nun Cadillac, cruzar a fronteira pero ao revés, de Estados Unidos a México. E é que cando unha está agusto dá igual a auga e os toldos escasos e ateigados. Dancing in the rain.

Caléxico 01Caléxico 02

Con Najwa non podo ser mínimamente obxectiva. Pásame como ás fans que danzaron a Love of Lesbian igual de tolas ca no 2012. Misterioso e erótico espectáculo no que atrae co mesmo encanto ca na gran pantalla. Cunha perruca cantou os temas do novo disco, Rat Race, co que a tamén compositora volve ao inglés e as pistas de baile. As que seguimos a súa traxectoria botamos de menos algunhas pezas de El último primate e Carefully.

Najwa 01

Nada Surf soaron ben, correctos. El Columpio Asesino molan para escoitar as letras e bailar e foron agarimosos coas súas palabras para os organizadores. León Benavente, xa se sabe, ultimamente triunfa. Eme Dj non está mal para botarlle unhas risas e uns dances de última hora.

EMEDJ 01

Que esta odisea (vivida e contada dende dentro) non faga pupa ningunha ao Portamérica. Onde hai un festival de música no que poidas comer “empanadilla frita de polo con cuilacoche e chile fermentado” e cun mercado exquisito no que comprar un vestido dos cincuenta ou un body con frase enxeñosa e “made in Spain” para regalar á bebé da túa amiga?

A pola cuarta.

Comida 01Tendas 01

Alba Pazos.Aba Pazos Primeiro persoa, despois perioartista difusa (na actualidade redactora da TVG)... por el camino, yo me entretengo! Xinzo de Limia. Galicia Twitter || Blog



Alba Pazos