O plan Vigo Íntegra xa está a exposición pública

Imprimir
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de someter a información pública o Plan Viario Integral Área de Vigo, “Vigo Íntegra”, un documento de planificación e articulación territorial que contempla un investimento total de 2.000 millóns de euros destinados á mellora das infraestruturas de comunicación de Vigo e a súa área de influencia.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a CPTOPT somete a exposición pública por un período de dous meses tanto o Plan Viario como o seu Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA) co obxectivo de incorporar as propostas que contribúan a melloralo. Antes de elevalo de novo ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva, a CPTOPT deberá incorporar a memoria ambiental (emitida pola Consellería de Medio Ambiente) e o informe perceptivo da Dirección Xeral de Urbanismo. Finalmente, o Consello da Xunta aprobará de xeito definitivo o Plan e, se procede, acordará a súa declaración de utilidade pública ou interese social para os efectos expropiadores. Ese acordo final será publicado no Diario Oficial de Galicia. Cómpre recordar que o documento xa conta coa declaración de Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, aprobado no Consello da Xunta do 15 de maio de 2008.

O documento agora exposto pode consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Obras Públicas en Santiago, no Servizo Provincial de Estradas de Pontevedra, e nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Marín, Moaña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo e Vilaboa.

Planificación eficiente do territorio
“Vigo Íntegra” pretende dar resposta á necesidade de abordar as comunicacións nunha zona na que viven preto de 600.000 persoas dun xeito integral e racional dende o punto de vista social, económico e medioambiental. Vertébrase a principal área urbana de Galicia, mellorando a súa accesibilidade, a súa competitividade e a calidade de vida dos seus cidadáns, desterrando actuacións illadas ou localistas.

O Plan contempla a posta en marcha dun total de 70 proxectos, que implicarán actuar sobre 350 quilómetros de vías, distribuídas en tres grupos:

- Conexións de Vigo co seu contorno: Supoñen o maior investimento, con 1.200 millóns de euros. Entre as actuacións previstas destaca a construción de novas infraestruturas como a autovía A-57 Vigo-Pontevedra, a autovía do Morrazo, a autovía Vigo-Porriño, o incremento de capacidade da AP-9 incluída a ampliación da Ponte de Rande, unha nova conexión Vigo-Val Miñor e a conexión da Autovía das Rías Baixas (A-52) coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN).

- Actuacións urbanas en Vigo: Investiranse 390 millóns de euros na mellora das comunicacións no interior da cidade coa reordenación dos túneles existentes nas prazas de América e España e a construción de tres novos (Beiramar-Bouzas, Portanet-Castrelos-Antonio Palacios e Avda. de Castelao), a mellora e construción de novos accesos á Universidade, ao novo hospital e á ETEA, a humanización da avenida de Madrid e da AP-9 e a construción nas aforas de catro aparcamentos disuasorios.

- Actuacións na área de influencia: Prevé a inversión de 370 millóns. Na zona norte melloraranse as comunicacións coa futura autovía do Morrazo e a súa conexión coa variante de Marín, construiranse as circunvalacións de Cangas e Moaña e mellorarase a conexión de Vilaboa con Rande e a estrada que une Pazos de Borbén con Fornelos. No leste darase un tratamento máis urbano á A-55 ao seu paso por Mos e ampliarase a capacidade da autovía A-52 entre O Porriño e Ponteareas e prolongarase ata Portugal a conexión entre a A-52 e a PLISAN coa construción dunha nova ponte sobre o río Miño. No sur completaranse os enlaces da Autoestrada do Val Miñor, construiranse a Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda e variantes en Gondomar, Tomiño e Vincios, daráselle tratamento urbano á PO-325 Vigo-A Ramallosa e continuarase esa actuación coa creación de carrís bici A Ramallosa-Gondomar e Baiona-A Guarda.

A materialización de todos estes proxectos terá beneficios directos para os cidadáns xa que se desconxestionará o tráfico, se incrementará a seguridade viaria e se reducirán nun 35 por cento os tempos de desprazamentos actuais. Canto aos prazos, o horizonte do plan é o 2020, se ben cada actuación conta coas súas propias estimacións temporais xa que se atopan en diferentes fases de estudo ou proxecto.