Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M O BNG #Gondomar pecha a campaña : “pular por un concello creador de riqueza e emprego”.

O BNG #Gondomar pecha a campaña : “pular por un concello creador de riqueza e emprego”.

Correo-e Imprimir PDF
Foto-BNG-AA-acto-peceh-camp

"Porque un concello aberto, público, participativo, verde, social, galego, con historia ... depende de nós", é a consigna coa que o BNG de Gondomar pecha a súa campaña electoral cara ás municipais do domingo. O seu derradeiro acto público tivo lugar no Auditorio Lois Tobío. O acto contou con música tradicional e imaxes da campaña. Interviron en primeiro lugar, Fina Álvarez, Susana Fernández e Mercedes Fernández, presentadas como " tres mulleres en representación das persoas que non militan no BNG, mais deron o paso de comprometerse coa candidatura nacionalista no noso concello, porque consideran que só o nacionalismo pode dar resposta ás necesidades do pobo de Gondomar"


Sinalaron que desde a súa experiencia laboral e social consideran que "é o BNG-Asembleas Abertas a organización política de traxectoria contrastada que conta con propostas para facer do concello de Gondomar un concello das veciñas e dos veciños e iso, dentro dun proxecto político de futuro que persegue a transformación da sociedade e a soberanía do pobo galego".

O acto foi conducido polo candidato número dous, Alfredo López Fernández quen explicou brevemente o proceso de conformación da candidatura. No acto interveu Guillerme Vázquez, actual presidente da Fundación Galiza Sempre, quen iniciou a súa intervencións manifestando o seu orgullo de ser galego. Vázquez repasou o que teñen significado as políticas do PP para Galiza: "a negación do país e o seu expolio", e pediu o voto para o BNG-Asembleas Abertas: "Hai que votar nacionalismo, somos o que dicimos e dicimos o que somos".

O acto finalizou coa intervención de Manuela R. Pumar, candidata á alcaldía que comezou agradecendo o traballo realizado durante a campaña a todas as persoas que se uniron ao redor do BNG-AA. Manuela R. Pumar insistiu na necesidade da participación veciñal, que o BNG-AA regulará, por ser o elemento fundamental no goberno dun concello, ninguén mellor que as veciñas e os veciños para saber que cómpre facer e cando. "Deste xeito evitaremos que as obras se fagan para os amigos, como está a suceder agora mesmo nalgún lugar do concello". Precisamente a participación sería a ferramenta imprescindíbel para realizar o PXOM que Gondomar precisa e precisa canto antes.

Manuela R. Pumar denunciou a improvisación que dirixiu o goberno de Gondomar mentres estivo gobernado polo PP e moi especialmente estes últimos catro anos e puxo o propio auditorio Lois Tobío como exemplo: "un auditorio que non serve e que precisou xa varias reformas, agora outra reforma, reformas en que se inverten cartos públicos sen ter en conta as opinións dos profesionais que teñen que subir a este escenario e comproban as súas limitacións."

Manuela R. Pumar esbozou brevemente o programa do BNG-AA para Gondomar e fixo énfase na necesidade de apoiar o comercio local, mellorar a oferta cultural e de ocio e pular por un concello desenvolvido e creador de riqueza e emprego, "porque Gondomar ten personalidade de seu, moito que mostrar, un patrimonio material e inmaterial que nin sequera as propias veciñas e veciños coñecemos na súa totalidade. Son moitas as potencialidades do noso concello e cómpre poñelas en valor, crear, por exemplo, novas actividades relacionadas co medio natural, camiñar cara á multifuncionalidade do monte." A candidata á alcaldía falou tamén do transporte: " as usurarias e usuarios necesitamos un transporte que comunique as parroquias e que intercomunique o Val Miñor, que nos leve á Universidade ou ao Novo Hospital, urxe superar a situación actual e contar coas frecuencias necesarias e prezos adaptados."

A Candidata do BNG-Asembleas Abertas, Manuela R. Pumar, pediu o voto para a candidatura que encabeza, a dunha organización que o luns 25 seguirá traballando por Gondomar xunto ás veciñas e veciños do noso concello.