Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M Jose Cuevas "A política destes catro anos foi a de subir impostos e recortar servizos."

Jose Cuevas "A política destes catro anos foi a de subir impostos e recortar servizos."

Correo-e Imprimir PDF
Jose Cuevas | Imaxe Nigran Decide - SON

José Cuevas Raposo, veciño de Priegue . Técnico de prevención de riscos no Hospital Xeral de Vigo. Membro de Esquerda Unida Nigrán e candidato á alcaldía de Nigrán pola coalición Nigran Decide - SON (EU - ANOVA e veciños/as independetes)

"Consideramos necesario un cambio de rumbo no Concello de Nigrán: fundamentalmente, que se goberne para todas as persoas que viven no municipio e non só coa mentalidade posta nunha minoría afecta ao Partido Popular, ou en intereses propios ou de partido: a corrupción e a especulación urbanística son algúns dos sinais de identidade de Nigrán. Queremos evitar que o nome de Nigrán continúe ocupando espazos nas páxinas de sucesos, como ocorreu en reiteradas ocasións ao longo destes catro anos, cando tiveron que dimitir concelleiras e concelleiros do PP por estar imputados en ilegalidades de distinta índole."


Economía

Nigrán, xunto aos concellos do Val Miñor atópanse na cola de concellos de Galicia con menos inversión por habitante, nunha media de 25€/habitante pese ao elevado orzamento municipal que manexa e as contínuas subas de impostos . Que opinión lle merece a actual política de gastos e ingresos do Concello de Nigrán?
A política destes catro anos foi a de subir impostos e recortar servizos. Consideramos negativo que exista un remanente coas necesidades que tanto o concello como a súa veciñanza ten. É como se nunha familia sobra diñeiro a fin de mes e non se cubren as súas necesidades básicas como poden ser o ensino, a saúde ou a comida.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Nigrán. Ao seu criterio qué sectores deben impulsar Nigrán como concello?
Fomentaremos un turismo sostible, desestacionalizándoo mediante a posta en valor do patrimonio histórico, e unha oferta cultural e medioambiental. Isto significa fomentar un turismo de calidade que teña en conta as externalidades positivas derivadas do entorno cultural galego e, por outra banda, traballar pola creación de emprego en sectores de crecemento sostible.

A Mancomunidade do Val Miñor – Como valora os acordos/actividade deste ente supramunicipal? Cales son as súas propostas para os próximos 4 anos?
A Mancomunidade do Val Miñor haina que ir dotando paulativamente de contido, asumindo servizos mancomunados. En concreto propoñemos a creación nese ámbito do Consello Sectorial de Cultura, como órgano de participación de todos os colectivos culturais do Val Miñor e a promoción dun Servizo Mancomunal de Desenvolvemento.

Emprego

Que opina das políticas de emprego desenvolvidas no concello? Que iniciativas pode esperar a cidadanía nesta materia de vostede acadase a alcaldía?
As políticas do Concello deste ano foron nefastas, cheas de medias verdades como os postos de traballo do Porto do Molle, así como con falta de transparencia. Non se fixo unha formación adecuada a realidade de Nigrán con moitos cursos de dubidosa eficacia para atopar emprego.
As nosas propostas concretas nesta materia son: realizar un plan de formación adecuado á realidade económica de Nigrán, coa creación dun Servizo de Fomento de Desenvolvemento Económico en coordinación cos demais concellos do Val Miñor; a creación de Escolas Taller, sempre orientadas á formación das nosas mozas e mozos en actividades de futuro e de crecemento sostible e non centrarse, como se ben facendo ata agora, en sectores de baixa productividade e dubidoso futuro; creación dun Fondo de Coñecemento Solidario orientado a aquelas persoas que desexen obter unha formación que lles permita manter os seus postos de traballo ou ben acceder ao mercado de traballo en mellores condicións; nesa mesma liña traballaremos para chegar a unha estreita cooperación con outros organismos sociais, como son as Comunidades de Montes para a creación de microempresas no ámbito hortofrutícula e outras actividades semellantes; tamén crearemos unha bolsa de emprego transparente para evitar situacións de enchufismo; adoptaremos medidas fiscais para fomentar un emprego de calidade entre a veciñanza de Nigrán, e tampouco esquecemos a reducción de tarifas e taxas municipais para as familias en paro ou para aqueles veciños e veciñas que queiran crear unha microempresa avalando a asistencia técnica e a concesión de microcréditos e o fomento da creación de Cooperativas.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Nigrán? Ao seu criterio que sectores deben recibir o empuxe do goberno local?
As propostas que xa fixemos máis arriba van nesa dirección. A desestacionalización do turismo esixe un novo enfoque moito mais amplo e diversificado, aproveitando a oferta cultural, medioambiental e deportiva que permite o Sur de Galicia. Por outra banda, faise necesaria a promoción de novas actividades vencelladas a sectores limpos, sostibles e de crecemento baseados no coñecemento, a investigación e a difusión de novas tecnoloxías.

Cal é a súa visión das políticas cara á xuventude adoitadas nos últimos catro anos? Que iniciativas presentará para mellorar a calidade de vida da mocidade de Nigrán?
Non existiu unha política da xuventude en Nigrán. Débense crear espazos de convivencia como alternativa ao baleiro existente para a mocidade en Nigrán. Fomentaremos a actividade deportiva e cultural.

Servicios sociais

Qué valoración fai das políticas sociais e de axuda á dependencia / emerxencia social dende o concello? Cales son as medidas concretas que propón o seu partido?
Este é un ámbito esquecido polos anteriores gobernos municipais de Nigrán. É preciso que, a partir dos orzamentos participativos, se asignen fondos para axudas ás familias necesitadas, en perigo de exclusión ou axudas específicas para os nosos vellos e vellas afectados polos recortes levados adiante polo neoliberalismo. Propoñemos a adopción de medidas para que a veciñanza de Nigrán que se atopa nunha difícil situación económica poida acceder a todos os servizos comunales, sexa mediante axudas a persoas dependentes, axudas escolares, para actividades de formación, culturais ou deportivas...

Corrupción – transparencia - participación

Qué medidas concretas adoitará o seu partido de cara a erradicar a lacra da corrupción no eido local?
Teremos tolerancia cero coa corrupción en calquera das súas formas, sexa o roubo de cartos públicos, o enchufismo ou a realización de favores. Iremos mais alá do cumprimento da lei e os acordos municipais en materia de transparencia que nos últimos anos non se cumpriron na súa totalidade.

Que cambios considera urxentes en materia de transparencia, xa sexa no acceso á información como na contratación de empresas e persoal para servizos municipais?
Incluiremos cláusulas de transparencia nos contratos que realice o concello, tanto para a subcontratación como para a contratación de persoal.

Os plenos municipais/ supramunicipais dos últimos catro anos non teñen sido exemplo de democracia participativa? Que medidas propoñen de cara á facilitar a participación da vecindade e dos colectivos no impulso de iniciativas populares?
Elaboraremos un Regulamento de participación cidadá que permita a iniciativa popular, a realización de preguntas no pleno por parte da cidadanía e a participación dos colectivos sociais nos plenos.

Urbanimo e medioambiente

Ao seu criterio, cales son os principais problemas polos que xenera tanto rexeitamento o PXOM de Nigrán? Que camiño propón para superar eses atrancos?
O principal que ten o PXOM é que se levou adiante con criterios empresariais dunha minoría, maioritariamente especulativos. Este PXOM non vai xerar un Nigrán máis humano e vivible nin vai solucionar o problema do paro en Nigrán.
Dados os informes negativos da Xunta de Galicia e dos técnicos do propio Concello e a imposibilidade real de corrixir o documento mediante a mera cesión do contrato, proporemos o aproveitamento da documentación que poida valer e unha nova licitación da redacción do PXOM, que non debería ser unha carga para Nigrán. Proporemos a actualización da cartografía do PXOM.

En materia de mobilidade e transporte, cales son os principais desafíos que debe asumir o próximo goberno municipal? Que papel debe xogar o futuro goberno de Nigrán para acadar un transporte público adecuado en materia de servizo e custe entre as parroquias?

Débese garantir un transporte de calidade en todas as parroquias, cando nestes catro últimos anos reduciuse a frecuencia de liñas. Propoñemos que, en base a un estudo de mobilidade previo, se cree unha liña de transporte interparroquial que permita enlazar mediante un transbordo coas liñas que van a Vigo. Xa falamos con algunhas empresas e considerámolo viable economicamente. De feito, noutros concellos vaise facer.

A autoestrada do Val Miñor atópase nestes momentos infrautilizada segúndo os estudos de mobilidade e tráfico que manexa a Xunta de Galicia? Serve esta infraestructura como método útil de interconexión entre os concellos do Val Miñor? Cómo se pode sacar maior proveito para a vecindade local?
A autoestrada do Val Miñor pode server como método útil para a interconexión entre os concellos, sempre e cando sexa de uso público e gratuíto.
Medioambiente

A Foz do Miñor, un espazo en Rede Natura machacado pola contaminación? Cales son as súas propostas para restaurar a degradación deste espazo de alto valor ecolóxico?
Completar a rede de saneamento, para o que estableceremos unha liña financeira para facilitar a conexión a dita rede por parte da veciñanza. Tamén estableceremos medidas de control sobre os vertidos ilegais.

Que outras medidas de recuperación ou melloras ambientais plantexades dende a vosa candidatura?

Completaremos a rede de saneamento, establecendo facilidades para que a veciñanza poida conectarse. Non sancionaremos a aquelas persoas que, por falta de recursos económicos, non poidan conectarse á rede de saneamento, tal como pretende o actual alcalde. Nós facilitarémoslles a conexión.  Propoñemos declarar Nigrán "concello libre de ruidos". Traballaremos por conseguir a maior protección medioambiental para Monteferro.

Ademais dos temas consultados, que propostas entende urxente encaminar cara ó mandato 2015 – 2019?
Remunicipalizaremos o servizo de abastecemento de auga. Tamén trataremos de recuperar para a veciñanza o uso do Club Náutico de Panxón como Centro Social e Escola Municipal de Vela. Non podemos permitir que a costa estea a ser privatizada. Xa se presentou no seu día unha alegación contra a privatización da beira do Río Miñor e nesta mesma semana soubemos da intención de privatizar 180 metros cadrados de Praia América.