Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M Iago Pereira "Actualmente o Concello de Baiona é un órgano administrativo sin alma, que executa os orzamentos sin aspirar a nada"

Iago Pereira "Actualmente o Concello de Baiona é un órgano administrativo sin alma, que executa os orzamentos sin aspirar a nada"

Correo-e Imprimir PDF
Iago Pereira, candidato á alcaldía de Baiona polo BNG Asambleas abertas. | Imaxe BNG

Falamos con Iago Pereira, 38 anos, natural de Sabarís, Téc.Sup. en Xestión Forestal.
O o candidato á alcaldía de Baiona polo BNG - Asambleas abertas. Forma parte da corporación local de Baiona desde o 2012, logo de recoller a vacante deixada polo seu antecesor Xosé Enrique Fernández.

“Consideramos que a política ten que ter contido ideolóxico, co fin de dar cumprida solución aos problemas de baioneses e baionesas. Actualmente o Concello de Baiona non é máis que un órgano administrativo sin alma, que executa os orzamentos sin aspirar a nada. A xente está a pasalo mal e non vén as administracións públicas como unha axuda, de ahí a desafección que se ven mostrando últimamente. Agora tócanos non só facer ver que o BNG é a alternativa ás políticas do Partido Popular, sinón que tamén temos que loitar por recuperar a ilusión pola política en sí mesma. Nestes últimos anos demostramos que se hai unha oposición e unha alternativa ésta é a do BNG. A política non se pode exercer cada catro anos, hai que presentarse cun traballo previo e nós así o facemos” 

Economía

Baiona, xunto aos outros dous concellos do Val Miñor atópanse na cola de concellos de Galicia con menos inversión por habitante, nunha media de 25€/habitante. Que opinión lle merece a actual política de gastos e ingresos do Concello de Baiona? Que eidos deberían ser correxidos con urxencia para beneficiar aos veciños?
A xestión política de cada ano ben marcada polo orzamento. En Baiona, baixaron as partidas en servizo social e cultura e aumentaron desmesuradamente os gastos en cánons e tributos; amosando, polo equipo de goberno, unha total complicidade nas políticas antisociais levadas a cabo pola Xunta de Galiza e o goberno do Estado. Para revertir esta inxusta situación é fundamental cubrir as necesidades sociais e culturais das clases populares co principio de redistribución da riqueza: que pague máis quen máis ten.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Baiona Ao seu criterio qué sectores deben impulsar Baiona como concello?
A creación de Consellos do Turismo e Comercio a nivel municipal e comarcal, donde os axentes económicos e sociais participen directamente coa administración.
Aposto polo comercio de proximidade con programas formativos que impliquen melloras na calidade, xestión e administración. Creo no pequeno comercio sendo fundamental a eliminación da ordenanza que lle permite ampliar horarios as grandes superficies comerciais. Os sectores a impulsar dende o concello son: o turismo rural, coa posta en valor dos nosos valores culturais, arqueolóxicos e naturais, para conseguir atraer turismo todo o ano. O desenvolvemento rural poñendo a producir as terras en estado de abandono con cooperativas veciñais.

A Mancomunidade do Val Miñor – Como valora os acordos/actividade deste ente supramunicipal? Cales son as súas propostas para os próximos 4 anos?
Até agora a Mancomunidade de Concellos é un ente inerte, sen obxectivos nin actividade. Hai que mudar isto facéndoa unha ferramenta de racionalización dos servizos públicos dende a que promover o funcionamento da Área Metropolitana. No programa recollense máis de trinta propostas para a comarca. Algunhas como: Crear un parque de maquinaria comarcal para abaratar os custes de obras de infraestruturas. Impulsar a musealización do patrimonio miñorano e a implantación dun Conservatorio Profesional.

Emprego

Que opina das políticas de emprego desenvolvidas no concello? Que iniciativas pode esperar a cidadanía nesta materia de vostede acadase a alcaldía?
O concello gasta en políticas de emprego directo: nomeadamente apoia á Deputación de Pontevedra como fonte de caciqueo e favores.
Non hai que gastar en emprego hai que investir en emprego. Porque poñendo en valor todos os nosos recursos e sectores produtivos conseguiremos un futuro laboral para os veciños/as: Coa creación de puntos de desenvolvemento local informarase, formarase e fomentarase o desenvolvemento de industrias transformadoras.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Baiona? Ao seu criterio que sectores deben recibir o empuxe do goberno local?
Poñer a producir as terras improdutivas e/ou en estado de abandono. Os sectores do mar e o rural precisan dunha inversión e aposta que, a día de hoxe, carecen. O actual goberno só centra as súas políticas no turismo de verán e na construción dun campo de golf.

Cal é a súa visión das políticas cara á xuventude adoitadas nos últimos catro anos? Que iniciativas presentará para mellorar a calidade de vida da mocidade de Baiona?
Nos derradeiros catro anos as políticas xuvenís do concello foron o fomento da expulsión xuvenil: ben para obter traballo, ben para obter vivenda.
Como iniciativas para a mocidade: Convenio coa Universidade para facilitar o transporte público aos estudantes a bo prezo. Un plan de recuperación das vivendas abandonadas para reconvertilas en vivendas de alugueiro. Fomento do cooperativismo xuvenil como futuro laboral.

Servicios sociais

Qué valoración fai das políticas sociais e de axuda á dependencia / emerxencia social xestionadas dende o concello? Cales son as medidas concretas que propón o seu partido?
Apoio submiso e incondicional por parte do concello as políticas inhumanas da Xunta de Galiza, Estado e Eurocámara. Recortan en servizos sociais para pagar aos bancos e grandes empresas. No programa electoral levamos máis de 40 iniciativas en servizos sociais: ningún neno/a sen merenda, sen comedor e sen actividades extraescolares. Axudas incluso para o material necesario para realizar as actividades.  Ningún veciño/a desafiuzado/a, sen calefacción e sen auga quente.

Corrupción – transparencia - participación

Qué medidas concretas adoitará o seu partido de cara a erradicar a lacra da corrupción e o clientelismo extgendida no eido local?

A corrupción política é unha parte do "xogo" do sistema capitalista. Hai que rachar cos intereses empresariais nas adxudicacións públicas. Por iso, nós apostamos pola re-municipalización dos servizos. É a mellor garantía de transparencia xa que non hai lugar a contratación de empresa privada.

Que cambios considera urxentes en materia de transparencia, xa sexa no acceso á información como na contratación de empresas e persoal para servizos municipais?
Coido que a mellor ferramenta é a información e facer partícipes aos veciños/as do orzamento municipal de cada ano. Unha web do concello activa e un voceiro municipal axudarán a que as persoas coñezan todos os movementos financeiros do concello. Insisto que a re-municipalización dos servizos é a mellor garantía de transparencia xa que non hai lugar a contratación de empresa privada.

Os plenos municipais/ supramunicipais dos últimos catro anos non teñen sido precismanete un exemplo de exercicio democratico e participativo. Que medidas propoñen de cara á facilitar a participación da vecindade e dos colectivos no impulso de iniciativas populares?
O goberno do Sr. Vázquez Almuiña foi un ataque en toda regra ao sistema democrático e a participación. Así, o que entende por participación veciñal é: pechar as portas do concello aos estafados polas preferentes chamándolles nazis; ou non ter nin sequera en consideración unha petición de 1.500 sinaturas a prol dunha ludoteca no Burgo. É básico crear unha concellería de participación que, con un regulamento, permita a participación directa de veciños/as nas decisións a través de consellos sectoriales e parroquiales. Os orzamentos serán participativos e haberá constantes consultas populares.

Urbanismo

A aprobación do PXOM de Baiona trae consigo desarrollos urbanísticos controvertidos como o futuro campo de golf de Baredo? Cales van ser os pros e os contras deste "equipamento deportivo" cara á vecindade?
O campo de golf non solucionará nada aos baioneses/as. A parte de ser a proposta de lecer máis agresiva co medio, por si mesmo non é rendíbel nin sostíbel. Salvo que detrás del veña unha urbanización con vivendas elitistas que, desde logo, non van ser para as clases populares. Outra opción é que o paguemos os baioneses e baionesas.  Significará destrozar 70 ha. da comunidade de montes veciñal en man común con potencialidade agro-gandeira, forestal e ambiental para goce duns privilexiados e privilexiadas.

Que políticas urbanísticas concretas propón dende o seu partido en materia de urbanismo?
Aposto por unha Baiona viva. Polo tanto, é imprescindíbel reformar o PXOM. Sempre contando coa participación dos veciños e veciñas, propoñemos:
Re-ubicación do polígono industrial e do camping Bayona Playa.
Eliminación do campo de golf e posta en valor da batería de Cabo Silleiro.
Desenvolveremos as parcelas municipais inactivas, construíndo 57 vivendas sociais.

En materia de mobilidade e transporte, cales son os principais desafíos que debe asumir o próximo goberno municipal? Que papel debe xogar o futuro goberno de Baiona para acadar un transporte público adecuado en materia de servizo e custe entre as parroquias?
O principal desafío do goberno municipal é deixar as absurdas loitas PP-PSOE, Feijoo-Caballero é instar á Xunta de Galiza a que desenvolva dunha vez o área metropolitana. Cuestión vital para poder gozar dun transporte intermunicipal e interparroquial na comarca do Val Miñor. Que dúbida cabe que eu opto por un transporte adaptado, de xestión pública e con frecuencias adecuadas para dar un servizo de calidade.

A autoestrada do Val Miñor atópase nestes momentos infrautilizada segúndo os estudos de mobilidade e tráfico que manexa a Xunta de Galicia? Serve esta infraestructura como método útil de interconexión entre os concellos do Val Miñor? Cómo se pode sacar maior proveito para a vecindade local?
Non é o método máis útil de interconexión no Val Miñor pero a reconversión da Autoestrada nunha vía de uso gratuíto que sirva para comunicar internamente a comarca do Val Miñor e a esta coa cidade de Vigo é a mellor solución para que sexa viable o seu uso por parte dos veciños/as da nosa comarca.

Medioambiente

A Foz do Miñor, un espazo en Rede Natura machacado pola contaminación contínua por augas fecais. Cales son as súas propostas para restaurar a degradación deste espazo de alto valor ecolóxico?
A contaminación da Foz do Miñor é unha cuestión do río Miñor, onde as accións para a súa defensa teñen que ser acordadas e levadas a cabo polos tres concellos do Val Miñor. É indispensable elaborar e desenvolver planos de actuación para a defensa e protección do Río Miñor, da Marisma do Miñor e Península da Ladeira.
Axudará tamén a ampliación da Foz do Miñor dentro da "Rede Natura".

Que outras medidas de recuperación ou melloras ambientais plantexades dende a vosa candidatura?
A re-utilización da auga para usos produtivos. Sustitución paulatina das fontes de enerxía non renovábeis nos edificios públicos por biomasa forestal residual provinte dos montes veciñais en man común e dos restos vexetais dos veciños e veciñas. Saída do modelo de tratamento por incineración de SOGAMA. apostando pola redución, re-utilización, reciclaxe, compostaxe e biomasa. Crear un centro público mancomunado de recollida e recepción de animais.

Ademais dos temas consultados, que propostas entende urxente encaminar cara ó mandato 2015 – 2019?
Cumprir as leis: tanto a lei de memoria histórica como a de normalización linguística.
Cultura: creación dunha rede de Casas da Cultura que organice e dinamice as actividades culturais do concello.
Educación: creación dunha segunda galescola e impulso a ludotecas e espazos de xogo.
Igualdade: prevención contra a violencia de xénero.
Deporte: fomento dos deportes tradicionais e acondicionamento de infraestruturas.
Incendios forestais: Colaboración e apoio as iniciativas dirixidas a ordenación do monte e a prevención de incendios forestais das comunidades de montes e asociacións.